UNHA INICIATIVA PARA O #PLENOXANEIRO DO 9X
Jorquera pídelle ao Goberno Local que mude o nome da Avenida Primo de Rivera por honrar un ditador
O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, lerá no Pleno do Concello do vindeiro xoves un rogo oral para que o Goberno Local mude a denominación da Avenida Primo de Rivera, de xeito que se deixe de render tributo a un ditador.
“É impropio dunha cidade comprometida coa defensa da democracia e dignidade de todas as persoas que loitaron polas liberdades honrar, nunha das súas avenidas máis importantes, a un ditador”, afirma Jorquera na exposición de motivos desta iniciativa.
A mudanza de nome desta avenida -cuxa denominación orixinaria era Estrada do Porto- encaixa á perfección co espírito da Lei da Memoria Democrática. Foi a Ditadura franquista a que impuxo o actual nome da avenida -chamada durante a República Mártires de Jaca, en homenaxe a dous capitán fusilados por se rebelar contra o goberno ditatorial do xeneral Berenguer.
Miguel Primo de Rivera -co apoio do monarca Alfonso XIII, apunta Jorquera- foi un militar golpista que, desde 1923 até a súa morte en 1930, liderou unha ditadura que, como tal, conculcou as liberdades cívicas máis elementais e, por suposto, tamén os dereitos dos pobos a se autogobernaren, a comezar polo galego.