É UN DOS ACORDOS DE INVESTIDURA INCUMPRIDOS POLO PSOE, DENUNCIA AVIA VEIRA
No Pleno do xoves, o BNG urxirá o Goberno Local a presentar xa a Ordenanza das Terrazas
A xuízo do BNG, a prioridade no que atinxe á ocupación do espazo pública na Coruña pasa por levar canto antes a Pleno unha Ordenanza sobre as Terrazas, un dos compromisos contidos no Acordo de Investidura asinado por BNG e PSOE.
“A elaboración desta ordenanza é un máis entre os múltiples acordos pendentes de cumprimento, a pesar de o Goberno Local ter prometido en múltiples ocasións a súa materialización”, denuncia Avia Veira.
A Ordenanza é necesaria para regular a forma en que estas instalacións ocupan o espazo público, nomeadamente nas beirarrúas e nas rúas peonís. “Cómpre unha ordenación que elimine os atrancos ao tránsito de carros de bebés, cadeiras de rodas e vehículos de emerxencia”, subliña Veira.
Resolver se as terrazas poden “continuar ou non” a ocupar prazas de aparcamento, asegurar que as persoas residentes podan acceder sen problemas aos seus portais e garantir o cumprimento dos horarios destas instalacións son cuestións a abordar nesa regulación.
A PRAZA DE MARÍA PITA, CAPÍTULO APARTE
As concesións das terrazas cubertas de María Pita “levan moitos anos anos caducadas, sen que o Goberno Local determine que vai facer con elas”, critica Veira. “Isto é moi grave, estamos a falar dun espazo singular da cidade, especialmente querido polas coruñesas e os coruñeses”, remarca. “Non pode ser que as terrazas de María Pita continúen no estado actual e coas concesións caducadas”, engade.
En definitiva, a política do Goberno de Inés Rey sobre a ocupación do espazo público por parte das terrazas “non pode ser a de ti vai facendo, senón a política do control e da regulación”, enfatiza Veira.
“Para o BNG e tamén para moitas coruñesas e coruñeses, desde logo está é unha cuestión urxente que merece ser tomada moi en serio por parte do Goberno que dirixe Inés Rey”, conclúe.