POR INICIATIVA DE DAVID SOTO
O Goberno Local non toma a serio a política de promoción turística, de aí que volvamos levar o asunto ao Pleno
“Que valoración fai o goberno municipal da súas políticas en materia de turismo durante o 2024?”. Ese é o teor literal da cuestión que formulará Soto. “Baixo o noso punto de vista, en 2024 non percibimos avances na materia. Foi nese sentido un ano perdido”.
No que vai de mandato, o BNG ten impulsado diversas iniciativas ao respecto, instando o Goberno Local a si tomar a serio a política de promoción turística da cidade. “Cómpre abordar cuestións como o mapa de liñas de Alvedro, o Plan Estratéxico de Turismo da cidade aínda pendente de redacción ou a activación da publicidade do perfil do contratante na web do Consorcio”, detalla o concelleiro nacionalista.
E se hai un dato que ilustra a inacción do Goberno Local nesta área é o feito de que a Xunta de Goberno do Consorcio de Turismo e Congresos “non se convoca desde marzo de 2024”, denuncia Soto.
E hai máis: non só non se convoca, senón que “hai varias facturas do Consorcio sen pagar, por valor de varias decenas de miles de euros, e o programa de estabilización do persoal case non se convoca logo dun ano de espera”, remarca.
“A Coruña necesita dotarse dunha política de promoción do turismo que permita desenvolver o enorme potencial da cidade. Esa política infelizmente non a está a impulsar o Goberno Local, de aí que volvamos levar o asunto ao Pleno”, conclúe Soto.