A necesaria reforma das oficinas do Rexistro e do Padrón
Esta é a situación de colapso que presentan as dependencias do Rexistro e do Padrón no Palacio María Pita que o grupo municipal do BNG xa ten denunciado no pasado. Agora, o portavoz nacionalista Francisco Jorquera dirixe unha pregunta por escrito ao executivo coruñés para saber que pensa facer ao respeito.
O colapso agravouse cando se consumou a centralización dos servizos do Padrón, radicados antes no Ágora e no Fórum Metropolitano, en María Pita. En 2017 o BNG pediu ao goberno municipal, naquela altura da Marea Atlántica, que se modernizasen as instalacións para as adecuar a unha debida atención ao público e ás normativas en saúde laboral e prevención de riscos laborais. Non houbo resposta satisfactoria, como tampouco foi atendida unha emenda do Bloque aos orzamentos de 2018 –actualmente vixentes en forma de prórroga – para destinar a estes efectos unha partida de 150 mil euros.
Agora, o BNG volve abordar este asunto, en forma dunha pregunta por escrito através da cal Jorquera inquire ao executivo local se pensa “volver ao modelo de descentralización dos servizos de Padrón e Rexistro” e interésase por saber se o goberno de Inés Rey ten previsto reformar “o emprazamento do Rexistro Xeral e do Padrón Municipal para garantir a súa plena accesibilidade”, ben como o cumprimento da lexislación “en materia de saúde e prevención de riscos laborais co fin de dar o mellor servizo público e garantir tamén os dereitos laborais do funcionariado”.
Interpela Jorquera o goberno municipal para que teña en conta “a perspectiva de xénero” neste asunto, sendo que “moitas das persoas que acoden” ás oficinas do Padrón “son nais cos seus bebés e coas súas crianzas que teñen necesidades específicas”.