Jorquera levará ao Pleno do 12S as malas condicións e a falta de servizos básicos da praia canina de Bens
Estas condicións mantéñense inalteradas como esta mesma semana puido comprobar sobre o terreo o noso portavoz no Concello, Francisco Jorquera, quen gravou un vídeo na praia -o único areal da cidade para estes animais de compañía na cidade- para a nosa conta en TikTok.
“Unha cousa é a propaganda e outra a realidade. Véndesenos esta praia como unha praia para os cans gozaren, cando en realidade é unha praia á que é penoso chegar e carente dos servizos básicos: non hai nin duchas, nin aseos, nin fontes, nin papeleiras nin un aparcadoiro minimamente apropiado”, refire Jorquera.
É por isto que o portavoz do BNG levará o asunto ao Pleno do vindeiro xoves 12 de setembro, en forma de pregunta oral ao Executivo coruñés. “Instarémolo a que asegure a salubridade e a limpeza da praia e a que a dote de todos os servizos básicos e necesarios”, avanza.
A acumulación de lixo é un dos graves problemas que presenta este areal. “Se hoxe o estado da praia non é tan deplorábel é porque foi limpada non polos servizos municipais, senón por persoas voluntarias”, remarca. E, nese sentido, apunta que é habitual que na praia as e os voluntarios recollan máis de 100 quilos de lixo en menos dunha hora.
O acceso á praia -en cuxa contorna se achan a refinaría, a planta de tratamento de residuos de Nostián e a EDAR de Bens- tampouco é precisamente doado se se vén de a pé: “As persoas que veñen aquí andando para as mascotas gozaren do areal teñen que percorrer quilómetros por unha estrada en que non hai sombras nin beirarrúas, con moita maleza por rozar nas marxes, o que torna perigosa a andaina a carón da calzada”.