QUEIXAS PÍDELLE AO GOBERNO LOCAL QUE NEGOCIE COA ADMINISTRACIÓN GALEGA PARA SALDAR A DÉBEDA

A Xunta débelle 5 millóns de euros á Sinfónica e compromete seriamente a viabilidade do seu proxecto artístico e formativo

OSG
A OSG, durante un concerto
Das tres administracións públicas que financian o Consorcio para a Promoción da Música -e, consecuentemente, a Orquestra Sinfónica de Galiza- a única que non está a cumprir os seus compromisos -fixados nunha achega de 3 millóns de euros anuais- é a Xunta. As outras dúas administracións, Concello e Deputación, están ao día nos pagamentos.
A Xunta débelle 5 millóns de euros á Sinfónica e compromete seriamente a viabilidade do seu proxecto artístico e formativo

Neste momento, a débeda acumulada pola Xunta coa Orquestra Sinfónica de Galiza acada os 5 millóns de euros, un débito que está a comprometer seriamente a viabilidade dun proxecto musical artístico e formativo -velaí a Orquestra Xove e as agrupacións infantís- que é referencia no panorama nacional e internacional.

De aí que a concelleira do BNG Mercedes Queixas rexistrase unha batería de preguntas por escrito ao Executivo coruñés para, entre outras cousas, saber se o Goberno Local está a negociar coa Xunta o pagamento desa débeda millonaria.

Queixas cuestiona o Goberno Local en que ano comezou a Xunta a incumprir o convenio de financiamento, cal é a cantidade exacta que debe e que anualidades ingresou desde 2009 para o financiamento da Orquestra Sinfónica de Galiza.

No mesmo sentido, Queixas interpela o Executivo coruñés sobre que xestións ten realizado para a Xuntar saldar a débeda e que resposta lle ten dado o Goberno galego para xustificar o incumprimento do convenio.

Por último, a concelleira nacionalista -que dará tamén traslado deste asunto ao Parlamento galego na súa calidade de deputada- quere saber se o Goberno local coñece a partida que a Xunta vai destinar á Orquestra Sinfónica de Galiza para os orzamentos de 2025.

A Xunta débelle 5 millóns de euros á Sinfónica e compromete seriamente a viabilidade do seu proxecto artístico e formativo