UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA PARA O #PLENOSETEMBRO DESTE XOVES 12S.
O BNG pide a suspensión do convenio con Gingko porque "só persegue beneficiar intereses privados"
O grupo municipal vai propor no Pleno do vindeiro xoves que o Goberno Local suspenda o convenio asinado co fondo de investimento Gingko para As Xubias -aprobado na Xunta de Goberno Local de 30 de xullo deste ano- porque “só persegue beneficiar os intereses privados” e “en ningún caso atender os da cidadanía coruñesa”.
Así o anunciou, en conferencia de prensa, a concelleira Avia Veira, responsábel de urbanismo do grupo municipal do BNG, quen presentou aos medios unha moción da súa autoría para o seu debate e votación na sesión plenaria do vindeiro xoves 12 de setembro.
A iniciativa insta o Goberno Local a que, ao tempo que suspende o convenio, impulse a tramitación plenaria da modificación puntual do PXOM que se aplicaría entre a praia de Oza e a Ponte da Pasaxe.
Esa modificación puntual foi aprobada en marzo de 2022 e pasou o trámite de avaliación ambiental estratéxica por parte da Xunta. De acordo cos obxectivos de Desenvolvemento Sostíbeis -e en coherencia cun acordo previo de suspensión de licenzas para protexer a fachada marítima-, rebaixa moi considerabelmente a edificabilidade prevista nas Xubias no PXOM de 2013. O Plan Xeral permite a construción de 633 vivendas. A modificación puntual só de 241.
Mais a modificación puntual non está en vigor porque non foi levada a Pleno. “A secuencia de compras de terreos nas Xubias” por parte de Gingko explicaría “o motivo real polo que non se continuou coa modificación puntual do PXOM para a API (Área de Planeamento Incorporada) S35 da Rïa do Burgo”, alegou.
O PXOM de 2013 permite a construción de 633 vivendas, mentres que a modificación puntual paralizada rebaixa a cifra a 241
E é que -contra o afirmado por Inés Rey en relación ao convenio con Gingko- o fondo de investimento non ten ningunha obriga de se ater á modificación puntual, pois esta non está en vigor. O que si está en vigor, e a única determinación legal á que estaría vinculado Gingko, sería o PXOM de 2013.
“O Goberno Local pretende enganar e tomar por parvo a cidadanía e á oposición. A alcaldesa dixo que Gingko tiña que se axustar á modificación puntual cando en realidade o convenio exclúe os terreos propiedade deste fondo de investimento da API S35 da Ría do Burgo”, denuncia Veira.
Contra o anunciado por Inés Rey, o convenio, engadiu Veira, tampouco inclúe ningunha referencia á construción de vivendas “sociais e asequíbeis”: “Nada diso se menciona no convenio, nin obriga, nin cantidades, nin porcentaxes nin absolutamente nada”.
Veira criticou que o Goberno Local dese para adiante a este convenio sen contar para nada co BNG, “cando os nosos votos son decisivos para a aprobación en Pleno do Plan Especial ao que iría incorporado”.
Avia Veira anuncia alegacións ao convenio
Non é só que non contasen co BNG para a redacción do convenio, é que practicaron unha “opacidade” total para impedir a súa fiscalización por parte da oposición.
“Negáronse a que o puidésemos ver cando o solicitamos por escrito. E o convenio só foi á Xunta de Goberno Local o día seguinte de o BNG presentar un recurso de reposición fronte esa negativa”, relata Veira, quen considera “moi grave” que tampouco se manteña informada a veciñanza das Xubias.
A este último respecto, Veira anunciou que o BNG formulará alegacións ao convenio e tamén que nos vindeiros días manterá unha reunión coas veciñas e os veciños desta zona do bordo litoral da nosa cidade.
A INFRAESTRUTURA FERROVIARIA
Con esta moción, o BNG tamén quere que o Goberno Local garanta a continuidade da infraestrutura ferroviaria que percorre As Xubias , ameazada por un convenio que abre a porta á transformación dos camiños de ferro “nun paseo para peóns, bicicletas e transporte público.
En definitiva, a xuízo do BNG o convenio está feito á medida dos intereses de Gingko e revela até que punto o Goberno Local renuncia a liderar o deseño da política urbanística na cidade.
“O Goberno Local presenta convenios urbanísticos negociados con promotores e propietarios de terreos sen falar con ninguén máis. É o Goberno Local quen se axusta ao deseño que lle interesa aos promotores e non ao revés”, afirma.
De resto, o Goberno Local estaría a renunciar “a darlle unha solución coherente a todo o bordo litoral que vai desde A Pasaxe até a Praia de Oza, cando en realidade a debería ter até o porto”. “En vez desa solución coherente, fai urbanismo a cachos”, denuncia.