Jorquera: "O Goberno municipal non pode inhibirse ante a irresponsabilidade de Albada"
A Coruña, 27 de agosto de 2013.- O portavoz do BNG no Parlamento de Galiza, Francisco Jorquera, e concelleiras/os do BNG na Coruña, Sada, Oleiros, Betanzos asistiron hoxe ao mediodía á manifestación convocada polos sindicatos CIG, CCOO, UGT e STL no sector da limpeza, dentro da xornada de folga, baixo o lema Non á estafa do lixo, non á reforma laboral. Polo emprego, os convenios e os dereitos laborais e en apoio ás/aos traballadoras/es de Albada.
O portavoz parlamentar do BNG lembrou as demandas xustas das traballadoras e traballadores de Albada e sinalou que o Goberno municipal non pode inhibirse ante as actitudes e actuacións irresponsábeis dunha empresa concesionaria dun servizo público, que é a única causante desta situación, e que está a incumprir os dereitos laborais dos traballadores/as, realizando despedimentos, desmantelando o convenio colectivo, querendo incrementar a xornada laboral e reducir salarios e todo isto, sinalou, atinxe á prestación do servizo. Un servizo, o da reciclaxe e o tratamento de residuos, que non se está a prestar por parte da empresa e que se lle está a cobrar á cidadanía
O Concello rematou, o portavoz nacionalista, ten que actuar, intermediar e facer que a empresa cumpra cos seus deberes, tanto co servizo que se comprometeu a prestar, o da reciclaxe, como coas traballadoras/es. E é que as nacionalistas sobrancean que mentres o Goberno local omite calquera referencia a Allbada, critica e criminaliza aos traballadores que denuncian a súa situación laboral actual e o incumprimentos da empresa como concesionaria dun servizo público.