O BNG pregúntalle ao Goberno municipal a canto ascenderon as festas de María Pita
A Coruña, 27 de agosto de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo vén de presentar unha batería de preguntas para a resposta escrita nas que se interesa polo custo total das festas de María Pita 2013. Así, a edila nacionalista pídelle ao Goberno municipal que dea a coñecer a canto ascenderon as festas e cal é o desglose do custo das distintas actividades.
Ademais, María Xosé Bravo adianta que solicitará acceso ao expediente de festas para coñecer o dispendio en festas deste ano, despois de que o Goberno do Sr. Negreira gastara só nas festas de San Xoán medio millón de euros e despois de que o ano pasado gastara máis de un millón no Nadal e outro millón nas festas de María Pita de 2012. Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG oponse ao xeito que ten o Partido Popular de combater o descontento social do pobo, con moito circo e sen pan, e critica que o Goberno do Sr. Negreira recorra a este circo para ocultar a súa incapacidade para desenvolver políticas que corrixan as desigualdades sociais.
A concelleira nacionalista lamenta que o alcalde e o Goberno municipal presuman dunhas festas máis propias de tempos de bonanza que de crise. Así, María Xosé Bravo sinala que as festas de María Pita de 2013 non se corresponden co contexto económico que vivimos, nunha cidade con 23.000 persoas no desemprego e co 20% das persoas en risco de pobreza (de feito, A Coruña é cidade de Galiza na que máis aumentou o risco de exclusión social nos últimos anos).