JORQUERA, NA TERTULIA DE INTERCORUÑA
"A intervención de Nostián non ten por que ter un custo adicional para o concello"
Se fósemos a un escenario de intervención de Nostián, p servizo continuaría a prestarse nas condicións vixentes até o de agora, co mesmo cadro de persoal e o mesmo funcionamento da planta. O único que mudaría sería que o concello nomearía un interventor técnico "que pasaría a asumir a dirección, suprindo os directivos da empresa". Así o argumentou este luns Francisco Jorquera, portavoz do BNG en María Pita, durante a tertulia de Intercoruna.
Perante "infraccións graves" do contrato por parte de Albada, arguiu Jorquera, o concello pode intervir "temporalmente e secuestrar a concesión", tal e como figura no prego de condicións da concesión e tal e como están a demandar as traballadoras e os traballadores da planta, en folga desde as 22 horas de onte domingo.
Na hipótese dunha intervención, "o servizo ségueo prestando a empresa concesionaria, o único que ocorre é que o concello nomea un interventor técnico que asume as funcións de dirección". Ou sexa: o cadro de persoal "recibiría ordes directas por parte dun interventor posto polo propio concello".
Non habería, por tanto, custo adicional para o concello, posto que o servizo continuaría a funcionar nas mesmas condicións en que o veu facendo até agora.
"Cuestión distinta sería que se fose a unha municipalización definitiva do servizo, mais aquí do que falamos é dunha intervención temporal da concesión por incumprimento das súas obrigas por parte da empresa concesionaria mentres non se realizar unha nova adxudicación do contrato", precisou o portavoz nacionalista.