Jorquera empraza a Xunta a mediar para evitar os despedimentos en Teleperformance

Jorquera empraza a Xunta a mediar para evitar os despedimentos en Teleperformance

A Coruña, 16 de maio de 2013.- O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, participou esta mañá, acompañado das concelleiras nacionalistas María Xosé Bravo e Avia Veira, na manifestación convocada polas traballadoras de Teleperformance ante os despedimentos que terán lugar dada a decisión de Gas Natural Fenosa a eliminar a atención ao cliente de Unión Fenosa Comercial, que prestaba, até o de agora a empresa Iberphone SAU, co nome comercial de Teleperfomance A Coruña.

O portavoz do BNG no Parlamento de Galiza esixe a mediación da Xunta de Galiza para garantir os postos de traballo en Teleperformance e pide que o Goberno galego inste a Gas Natural Fenosa a rectificar a súa decisión de eliminar a atención ao cliente de Unión Fenosa Comercial. Reclama, ademais, que a Xunta de Galiza realice as accións precisas para garantir os dereitos laborais das traballadoras da empresa.

Jorquera advirte de que, realmente, os despedidos pasarán das 70 persoas, xa que moitos dos contratos non van ser renovados, tal e como lles comunicou a empresa a algunhas empregadas e salienta que o PP ten capacidade para presionar, desde as distintas Administracións que goberna, a Gas Natural Fenosa co fin de que rectifique a súa decisión para evitar, así, a destrución de postos de traballo. O portavoz do BNG no Parlamento de Galiza pon de manifesto que “coa venda de Unión Fenosa vemos como os nosos recursos naturais xeran beneficios e dividendos fóra de Galiza sen deixar beneficio ningún no noso país. Agora, tócanos presenciar como se levan tamén os postos de traballo das empresas colaboradoras que foron creados en paralelo ao crecemento da antiga Unión Fenosa”.

Precisamente, o BNG levou ao Parlamento de Galiza, nada máis ter coñecemento dos despedimentos, a semana pasada, unha batería de iniciativas co fin de reclamar a mediación da Xunta para o mantemento dos postos de traballo.

 

 

Jorquera empraza a Xunta a mediar para evitar os despedimentos en Teleperformance