O BNG lamenta que o PP utilizara electoralmente a chega de Beijing 3 e Pemex ao porto exterior
A Coruña, 15 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG lamenta que o PP utilizara electoralmente a creación de postos de traballo vinculados á suposta chegada da empresa chinesa Beijing 3 de Pemex ao porto exterior, un anuncio que resultou ser un fracaso monumental do partido do Sr. Negreira. Evidénciase que o alcalde mentía cando declaraba que A Coruña se convertirá en un centro de energía estratégico. La gran esperanza blanca del empleo en Galicia es el puerto exterior coruñés. Da esperanza branca do emprego pasamos ao futuro negro ao que nos avocan as políticas devastadoras do Partido Popular, advirten as nacionalistas.
O Grupo Municipal do BNG xa apelara no seu día á prudencia porque os supostos proxectos destas dúas empresas no porto exterior da Coruña estaban no aire e non había compromiso en firme ningún. Coa parálise de ambos os proxectos demóstrase que o PP, como é habitual, tirou de propaganda electoral e de golpes de efecto máis propagandísticos que reais. Ademais, o fracaso da operación representa un síntoma do desastre da política industrial do Partido Popular, unha política nefasta e de mentiras que destrúe os sectores produtivos e numerosos postos de traballo na comarca e na cidade. Nesta liña, as nacionalistas aluden aos empregos perdidos e en risco de perda na Coruña: fábrica de armas, Teleperformance, Caramelo, Atento ou Darty.
O Grupo Municipal do BNG insiste na súa aposta pola complementariedade entre a actividade dos dous portos e por un proxecto industrial con contido para que o porto exterior xere riqueza e emprego. Sinalan as nacionalistas que é fundamental a conexión ferroviaria do porto exterior, unha conexión que o Goberno central mantén no esquecemento. Precisamente, o PP botou abaixo as emendas do BNG nos últimos orzamentos xerais do Estado para aumentar a partida destinada aos camiños de de ferro en Punta Langosteira. Lembran que o propio presidente da Autoridade Portuaria ten afirmado que a inexistencia da comunicación por ferrocarril para trasladar graneis provocou que potenciais clientes perderan interese polo porto exterior da Coruña.