Jorquera: "A Coruña vai ter un goberno en minoría única e exclusivamente por responsabilidade do PSOE"

20230615_122552
O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, compareceu esta mañá perante os medios –acompañado da delegación negociadora da formación nacionalista, Avia Veira, Mercedes Queixas, Ermitas Valencia e Keina Espiñeira- para avaliar as conversas tidas co grupo socialista e o novo escenario político en María Pita.
Jorquera: "A Coruña vai ter un goberno en minoría única e exclusivamente por responsabilidade do PSOE"

O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, compareceu esta mañá perante os medios –acompañado da delegación negociadora da formación nacionalista, Avia Veira, Mercedes Queixas, Ermitas Valencia e Keina Espiñeira- para avaliar as conversas tidas co grupo socialista e o novo escenario político en María Pita.

Jorquera comezou a súa intervención esclarecendo que xa no limiar das conversas o PSOE deixou clara a súa intención de gobernar en solitario. “Se A Coruña vai ter un goberno en minoría é por responsabilidade única e exclusivamente do PSOE”, dixo.

“Sei que moitas coruñesas e coruñeses tiñan a esperanza de que o BNG como forza de goberno imprimise á acción de goberno un cambio de rumbo”, dixo.

Quen defraudou esa esperanza foi exclusivamente o PSOE ao optar “desde o minuto cero” por un goberno en solitario. “Dous non bailan se un non quere. Esa opción nunca estivo sobre a mesa porque foi desbotada de raíz polo PSOE”, respondeu Jorquera á pregunta de se o BNG aspiraba a entrar no Executivo coruñés.

Coom queira que o PSOE ten optado por gobernar en solitario, acrecentou, “non vai haber ningún funcionamento de goberno compartido”. “Ao optar por gobernar en solitario, está optando por gobernar co apoio de 11 concelleiras e concelleiros dun total de 27. E por tanto, dado que o PSOE optou por gobernar en solitario, o BNG actuará como forza de oposición e centrará os seus esforzos nestes 4 anos en se fortalecer como alternativa de goberno”, avanzou.

20230615_121554
Un momento da conferencia de prensa 

Analizou Jorquera que a aposta do PSOE por un goberno en minoría -11 de 27 edís- non é só froito dunha lectura equivocada do 28M –recordou o portavoz nacionalista que o Partido Socialista baixou en votos a respecto de 2019-, senón tamén “responde a un interese en preservar un statu quo”.

E a seguir esclareceu: “Calquera que coñeza o funcionamento do Concello no pasado mandato coincidirá en que o control do goberno recaía nun núcleo moi reducido de persoas. Unha situación que provocou un profundo malestar e mesmo dimisións entre os compoñentes do anterior goberno municipal. O BNG, desde a oposición, non vai contribuír a preservar ese statu quo, porque imos esixir a máxima transparencia na actuación do Goberno Municipal”.

O Acordo de Investidura

Enfatizou Jorquera que o acordo co PSOE –asinado por Avia Veira, en representación do BNG- se cinxe exclusivamente á investidura de Inés Rey como alcaldesa. “Facémolo por convicción. O BNG aspira a liderar o cambio galego nas vindeiras eleccións autonómicas, por iso non imos facilitar alcaldías do PP”, dixo.

O Acordo de Investidura substánciase nun documento que Jorquera cualificou de "bo“. “Chamarédesme inmodesto, mais creo que é un acordo bastante máis completo do que o que asinaron PP e Vox na Comunitat Valenciana”, dixo.

Sen entrar a debullalo polo miúdo, dos contidos do acordo si destacou Jorquera a apertura dun proceso de investigación interna arredor do coñecido como caso STL, o impulso por parte do Concello da constitución dun Consorcio para a xestión dos terreos portuarios e a proposta dun novo convenio, o impulso do Parque Cidade e o inicio da reforma do PXOM no que atinxe ás Percebeiras, o Parque da Agra e a Canteira de Durmideiras, a revisión do mapa de liñas de bus e o estudo da xestión directa do servizo de transporte público urbano, a ampliación da bolsa de vivendas en alugueiro de titularidade municipal, a defensa do modelo de separación húmido seco das fraccións de lixo, o estudo da creación dunha Taxa Amazon para os grandes distribuidores de mercadorías, a criación dunha bolsa de baixos en alugueiro, o desenvolvemento do Consello Municipal de Cultura, ben como tamén a convocatoria da comisión que analice o proceso de internacionalización das bibliotecas.

Alén diso, contémplase tamén a presentación da demanda para recuperar a Casa Cornide, o inicio dunha nova negociación sobre o antigo cárcere da Coruña, así como tamén a elaboración do Plan de Normalización Lingüística.

A escolla do PSOE

Unha vez se produza a investidura de Inés Rey, o PSOE terá que escoller “entre cumprir cos contidos deste acordo ou pactar co PP”, remarcou Jorquera. “En calquera caso, o BNG cumprirá cos compromisos que subscribiu coa cidadanía. Presentámonos ás eleccións para facermos posíbel un cambio de rumbo e traballaremos ao longo destes catro anos para que así sexa”, concluíu.

 

 

 

Jorquera: "A Coruña vai ter un goberno en minoría única e exclusivamente por responsabilidade do PSOE"