ANIMADO COLOQUIO CON UNIVERSITARIAS NO CAMPUS DA UDC

Jorquera avanza que o BNG restituirá a Concellaría da Mocidade que suprimiu o PP

JorqueraCaféUniversitarios
Un momento do café coas e cos universitarios

O candidato do BNG á Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, mantivo esta mañá un encontro con mozas e mozos universitarios na cafetería da Facultade de Dereito da UDC. Foi un coloquio moi animado, con moitas ideas sobre a mesa das que o noso candidato tomou boa nota.

Jorquera avanza que o BNG restituirá a Concellaría da Mocidade que suprimiu o PP

“Para o BNG, a mocidade non pode ser tratada como un destinatario pasivo das políticas municipais. Ten que ser un axente activo. E desde logo ten que participar na toma de decisións”, afirmou Jorquera, quen tivo unha breve intervención. “O importante aquí é escoitar as vosas propostas e suxestións. A conversa. O coloquio”, remarcou Jorquera, quen estivo acompañado por Mercedes Queixas, número 3 da candidatura, e polo mozo Ignacio Siota, número 5 da lista do Bloque para o 28M.

Houbo espazo para as propostas. O Goberno Local que se propón liderar o BNG a partir do 28 de maio restituirá a Concellaría de Mocidade. Xa existiu, lembrou Jorquera, durante a etapa anterior (2007-2011) en que o Bloque tivo responsabilidades de goberno, e por iniciativa nacionalista. “O Goberno do PP suprimiuna e os gobernos posteriores da Marea e do PSOE non a restituíron”, subliñou o candidato á Alcaldía.

JorqueraCaféUniversitarios2

“Crearemos tamén ámbitos de participación permanentes como un foro de debate xuvenil, ben como tamén convocaremos de xeito periódico asembleas da mocidade”, avanzou Jorquera. O propósito é promover e apoiar o asociacionismo entre as persoas mozas e “crear espazos xuvenís xestionados pola propia mocidade”.

As políticas xuvenís serán transversais ás distintas áreas do Goberno Local. Así, en política cultural, “habilitaremos salas de ensaio e espazos de creación artística destinados á mocidade e estableceremos un prezo xuvenil de entrada a museos, teatros, festivais e demais actividades culturais promovidas polo Concello”.

Canto á vivenda, haberá unha sensibilidade especial cun problema que atinxe de maneira especial o estudantado. “É un problema social, pero os mozos e as mozos sufrídelo de xeito singular”, díxolles Jorquera. “Penso nas e nos estudantes que viñestes de fóra a estudar na Coruña ou nos mozos e nas mozas que non vos podedes emancipar por non poderdes acceder a unha vivenda”, engadiu.

 

JorqueraCaféUniversitarios3

Canto á mobilidade, cómpre desde o Concello mellorar moi significativamente as frecuencias e os servizos de bus que comunican o campus de Elviña. “Durante este mandato en non poucas ocasións temos denunciado o seu colapso e a súa desatención por parte da Compañía de Tranvías”, remarcou Jorquera.

O emprego xuvenil tamén terá un tratamento específico no Goberno Local que o BNG aspira a liderar a partir do 28M. “Elaboraremos un plan de emprego específico para a mocidade que contemple programas de formación e sensibilidade en dereitos laborais e incluiremos de oficio nos pregos de contratación administrativa cláusulas que dean prioridade aquelas empresas licitadoras que contraten mozas e mozos menores de 30 anos”, anunciou o candidato nacionalista, pondo así ramo á súa intervención, a partir da cal se desenvolveu un animado coloquio.

Jorquera avanza que o BNG restituirá a Concellaría da Mocidade que suprimiu o PP