Jorquera apoia as demandas do persoal de Nostián
O portavoz do BNG no Concello e candidato á Alcaldía, Francisco Jorquera, mantivo este venres un encontro, nas oficinas do Bloque no Pazo de María Pita, cunha representación do comité de empresa de Albada, a concesionaria da planta de tratamento de residuos de Nostián.
“Transmitinlles o apoio do BNG ás súas demandas, absolutamente razoábeis. O convenio colectivo da empresa caducou en 2017. O que pide o persoal, despois de teren os salarios conxelados, é que o novo convenio manteña cando menos as condicións salariais e laborais do anterior”, precisou Jorquera.
O persoal de Albada está chamado a unha folga os próximos días 3, 4 e 5 de abril ante a falta de avances na negociación dese novo convenio colectivo.
O portavoz do BNG trasladoulle á representación do cadro de persoal de Albada que a formación nacionalista continúa a instar o Goberno Local a que cumpra o seu compromiso e licite o novo contrato de Nostián antes da conclusión do mandato de Inés Rey como alcaldesa.
“Teñen que cumprir o seu compromiso e teñen que garantir que o novo contrato manteña o modelo húmido seco de tratatamento e xestión dos residuos (isto é, catro contedores na rúa e separación do lixo na planta). Este modelo húmido seco é sinal de identidade de Nostián, tal e como ten dito a propia concelleira de Medio Ambiente no Pleno, e garante unha maior percentaxe de reciclaxe dos residuos”, indica Jorquera.
O modelo húmido seco é, ademais, máis barato (catro contedores fronte ao cinco), menos contaminante (esixe menos transporte) e é menos invasivo do espazo público, resalta o portavoz nacionalista.
O BNG agarda tamén que o novo contrato sexa dialogado cos concellos do Consorcio da Mariñas, sen os cales a planta de Nostián non sería viábel.
Para o BNG é esencial tamén que o novo contrato garanta o cumprimento dos obxectivos de reciclaxe de residuos marcados pola normativa estatal e europea.