COMUNICOULLO ESTE MARTES 10M AO CONSELLO LOCAL
Jorquera anuncia que porá fin ao seu traballo no Concello ao termo deste mandato
Jorquera porá fin ao seu traballo no Concello ao termo deste mandato.
“O obxecto desta comparecencia é comunicarvos que no día de onte lle trasladei ao Consello Local a miña decisión de non ser candidato á Alcaldía nas vindeiras eleccións municipais de 2027”, anunciou Jorquera.
Argumentou o noso portavoz que o BNG é unha organización democrática e que, por suposto, “a escolla da candidatura corresponde ao conxunto das persoas afiliadas á nosa organización”.
Mais, dito iso, hai decisións “que son individuais e que corresponden á cada persoa”. Nese sentido, remarcou: “Considero que 2027 é o momento de pechar un ciclo”.
Estamos perante unha decisión “longamente meditada”. “Tomeina hai xa tempo, mais creo que este é o momento oportuna para a facer pública”, engadiu.
Varias razóns explícana. “Inflúen razóns persoais. A miña vida non se esgota na política e hai aspectos da miña vida persoal e familiar aos que lle quero prestar máis tempo e dedicación”, dixo. Alén dixo, lembrou que en maio de 2027 “vou ter perto de 66 anos e non me vexo con suficientes forzas para estar na Corporación outros catro anos máis”. “A Coruña necesita persoas con forzas, ganas e ilusión, capaces de lle dar un novo impulso á nosa cidade”, destacou.
Toma esta decisión –“sobre todo”, resaltou- porque “creo que na política, como na vida, hai que saber pechar etapas. Creo, con toda humildade, que o que podía achegar ao BNG da Coruña, no traballo institucional no Concello, xa o acheguei. E no BNG hai persoas novas e sobradamente preparadas, con forza, ganas e ilusión, para lle dar á Coruña o impulso que necesita. Persoas que van ter todo o meu apoio porque estou convencido de que o BNG é a alternativa que A Coruña necesita. Porque A Coruña necesita unha pasada polo BNG”.
“Até fin de mandato”
“A miña vontade”, continuou, “é seguir exercendo como concelleiro até fin de mandato. Mais tamén vos traslado”, díxolles aos medios, “que poño a disposición o meu cargo de portavoz do grupo municipal, por se o grupo municipal e o Consello Local do BNG consideran que sería positivo que se producise o relevo antes das eleccións municipais”.
Jorquera quixo tamén agradecer a “confianza” que o BNG “depositou en min para ser o candidato á Alcaldía nas dúas últimas convocatorias, como antes a depositara para ser senador por Galiza e portavoz parlamentar do BNG, primeiro no Congreso e despois no Parlamento galego. Agradezo tamén, por suposto, a confianza e apoio das cidadás e cidadáns que votaron esas candidaturas”.
“Agardo ter desenvolvido as responsabilidades que me encomendaron con honestidade e tendo sempre presente que ante todo somos representantes da cidadanía e a ela nos debemos. Nestes tempos de populismos e degradación da política é bo lembralo”, subliñou.
Como tamén é bo “reivindicar a política” e facelo como “unha ferramenta imprescindíbel para traballar polo ben común”, concluíu.