É O "DESENLACE LÓXICO" A UN ASUNTO "MAL XESTIONADO" POLO EXECUTIVO DE INÉS REY DESDE O PRIMEIRO MINUTO
O Goberno Local renuncia ao mundial 2030: "A crónica dunha morte anunciada"
“Estamos ante a crónica dunha morte anunciada. A alcaldesa deixou para o final o que tiña que ter sido o principio deste proxecto: o acordo co Deportivo, o principal usuario do estadio”, avalía Jorquera.
Por usar unha imaxe gráfica, engade, “a alcaldesa apresurouse a pór a camiseta de Naranjito [a mascota do mundial 82], pero non suou a camisa para dotar da suficiente solvencia o proxecto da Coruña como sede do mundial 2030”.
“O Goberno Local pecou dunha mestura de triunfalismo e de falta de realismo. Alén diso, en ningún momento practicou a necesaria transparencia, nin coa sociedade nin coa Corporación municipal. Ese foi o maior atranco para o proxecto. Así, durante todo o proceso descoñecemos aspectos básicos tales como as vías de financiación, a identidade dun hipotético operador privado e os beneficios que este obtería da explotación dun estadio que é propiedade de todas as coruñesas e coruñeses”, afirma o portavoz nacionalista.
A alcaldesa apresurouse a pór a camiseta de Naranjito [a mascota do mundial 82], pero non suou a camisa para dotar da suficiente solvencia o proxecto da Coruña como sede do mundial 2030
“Dixemos desde o principio que mundial si, pero non así ou que mundial si, pero non a calquera prezo. Dixemos desde o principio que non era de recibo ir a un estadio de 48 mil espectadores cando as instalacións deportivas municipais, fundamentais para o deporte de base que practican miles de coruñesas e coruñeses, se atopan nunha situación de precariedade”, engade.
O BNG celebra que se retome agora o diálogo co Deportivo, se ben subliña que “o entendemento debeu chegar moito antes”.
“Agardamos que, nesta nova fase, en que se anuncia unha reforma máis modesta do estadio e o seu uso durante os 365 días do ano, o Goberno Local non volva incorrer na mesma falta de transparencia que durante todo o falido proceso da candidatura mundialista”, remarca Jorquera, quen pon a énfase en que “continuamos a demandar investimentos no complexo deportivo de Riazor, a mellora da contorna do estadio e que calquera reforma do estadio de Riazor reverta no beneficio da cidade”.