Interpelado por Veira, o Goberno Local anuncia que sentará a falar co BNG sobre os VTC cando conclúa o trámite de consulta pública
Díaz fixo o anuncio ao ser preguntada por Veira sobre por que o Goberno Local non ofreceu ningunha resposta ao BNG despois de a formación nacionalista ter remitido á alcaldesa unha proposta concreta de regulación.
Nesa proposta de ordenanza remitida polo BNG mantense o criterio de que os VTC, tal e como prescribe a lei galega, só poderían realizar viaxes inter-urbanas, isto é, viaxes que non teñan a orixe e a chegada dentro do termo municipal da Coruña.
A concelleira de Mobilidade, sen o explicitar, deixou entrever que o Goberno Local podería autorizar esas viaxes urbanas sempre e cando se cumpriren certos criterios medio-ambientais, non establecidos na lei galega e que deberían determinar o número de licenzas a conceder.
Díaz afirmou que o Goberno Local está disposto a sentar co BNG e que o faría após o texto se someter ao trámite de consulta pública.
Canto ao feito de o Concello non ter multado até o de agora os VTC por incumpriren reiteradamente a lei galega (fan viaxes urbanas no interior da cidade, recollen pasaxeiros nas paradas, circulan até atopar persoas usuarias), Noemi Díaz anunciou que xa teñen incoado os primeiros procedementos sancionadores e que as persoas sancionadas recibirían a notificación a vindeira semana.
Para Avia Veira, a “inacción” do Goberno Local fronte á evidencia de os VTC estaren a incumprir a lei galega no termo municipal da Coruña “é profundamente inxusta co sector do taxi coruñés, un servizo público que, a diferenza dos VTC, ten que cumprir un feixe de requisitos garantistas dos dereitos dos usuarios”.
Teatro María Casares
A proposta formulada desde o asociacionismo memorialista e cultural da cidade de o Teatro Colón pasar a se chamar Teatro María Casares foi o argumento da pregunta oral formulada polo noso portavoz, Francisco Jorquera.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, admitiu que lle dar nome ao Colón sería un bo tributo para a xenial actriz coruñesa, mais ao seu xuízo é mellor a proposta feita pola alcaldesa no discurso de Nadal: a opción de que nomee a futura estación intermodal.
“Estamos de acordo no esencial”, chegou a dicir Gonzalo Castro, quen mesmo chegou a suxerir o nome do actor, director e dramaturgo Manuel Lourenzo como proposta alternativa para denominar o Teatro Colón.
Canto ao Programa de Lecer e o incumprimento por parte da concesionaria das súas obrigas co cadro de persoal (ao que lles debe a nómina de decembro e a extra de Nadal), o mesmo Castro, interpelado por Mercedes Queixas, afirmou que o Goberno Local ”está a facer todo o que se pode facer coa lei na man”.
O BNG, en troca, opina que o Executivo coruñés non está a empatizar coas traballadoras e traballadores do Programa de Lecer nin a exercer as súas competencias de control da concesionaria, sendo que, non o esquezamos, esta xestiona un servizo de titularidade pública.