Sobre a Intermodal: as administracións, máis preocupadas polos usos terciario e residencial do que pola mobilidade
A conclusión que tirou a concelleira Avia Veira desta reunión é que as distintas administracións implicadas no proxecto –Concello, Xunta, Estado- “están moito máis preocupadas polos anacos de terreos que lles tocan ou polos usos terciarios ou residenciais da Estación que polo obxectivo primordial dunha obra millonaria como esta, isto é, resolver os problemas de mobilidade das coruñesas e dos coruñeses”.
Con todo, a concelleira aplaudiu que por fin se comece a desbloquear a tramitación do proxecto ao terse chegado xa a un acordo sobre o convenio que se irá asinar entre as distintas administracións, documento en que se van recoller as obrigas de cada unha delas.
“Estamos desexosos de coñecermos os pormenores e obrigas que vai asumir cada administración e, no caso do Concello, agardamos que sexan proporcionais e respectuosas coa capacidade económica da Facenda Local”, di Veira.
Tamén por iniciativa do BNG, a Comisión de Mobilidade debruzouse sobre a situación do transporte público urbano.
Sobre o transporte público urbano, o Goberno Local comeza a atender algunhas das demandas históricas do BNG, aínda que continúa sen pór en marcha unha auténtica recomposición do mapa de liñas dos buses
“O Goberno Local”, relata a responsábel de Mobilidade do grupo municipal nacionalista, “vén de nos anunciar que non vai remodelar o mapa de liñas de autobús, senón que vai modificar algunhas delas polo momento”, visando evitar duplicacións, ben como mellorar as conexións cos polígonos, co CHUAC e a liña 21, a que vai a Novo Mesoiro.
“Isto supón atender algunhas das demandas históricas do BNG”, avalía Veira, “mais non nos satisfai completamente, pois non dá enteiro cumprimento ao que combinamos co PSOE no Acordo de Investidura de 19 de xuño de 2019”.
Para o BNG, é fundamental a mudanza de horarios (para os axustar ás horas de saída e de entrada nos traballos) e incrementar as frecuencias. “Diso non tivemos noticias”, lamentouse.
A edil nacionalista trasladou tamén á Comisión queixas sobre a falta de control da capacidade dos autobuses en horas puntas. “Van ateigados, sen que se respecten as distancias de seguridade. Iso é especialmente notorio nas liñas 1, 6, 14, 21 e a que vai ao campus universitario de Elviña”, pormenorizou para a seguir demandar que “se reforce o servizo de buses na cidade”. “O Goberno Local debe amosarse absolutamente esixente co concesionario do servizo”, concluíu.