DA AUTORÍA DE FRANCISCO JORQUERA
Unha iniciativa sobre as demoras nos enterros de cinzas nos cemiterios municipais
Jorquera insta o Goberno Local a que “adopte as medidas necesarias para resolver a tardanza que se está a producir para poder enterrar ou depositar as cinzas nos cemiterios municipais”.
De acordo coa exposición de motivos do rogo oral, o portavoz nacionalista entende que a tardanza se debe a que os servizos municipais non teñen sido reforzados convenientemente para atender unha demanda, a do enterro de cinzas, que se ten incrementado nos últimos tempos, “pois cada vez son máis as familias que optan pola cremación dos restos mortais dos seus seres queridos e de xeito máis acusado desde a pandemia”.
O feito obxectivo é que a apertura de nichos para acoller urnas cinerarias só se produce en horario de 9 a 10 da mañá, de luns a venres, un tempo que re revela claramente insuficiente. “O problema agrávase porque o número de cinerarios existentes nos cemiterios é insuficiente”, relata Jorquera, quen lamenta que moitas familias se ven obrigadas a recoller as cinzas dun familiar “e deixalas nun tanatorio ou telas nunha urna cineraria na súa casa até as poder enterrar ou depositar”. “Nin que dicir ten”, esténdese, “que esta situación acentúa a dor das familias nuns momentos que xa de por si son delicados”.
Canto ás preguntas por escrito, Jorquera cuestiona o Goberno Local sobre cal é a espera media para o enterro das cinzas, se vai reforzar os servizos municipais para resolver o problema, se vai revisar os horarios de apertura dos nichos e se vai aumentar o número de cinerarios nos cemiterios municipais.