DECORRIDOS XA MÁIS DE TRES MESES DA ENTRADA EN VIGOR DA ORDENANZA

Veira pídelle ao Goberno Local que estude a delimitación de zonas saturadas, con prohibición de implantar novas VUTs

Avia Veira Fío Directo co BNG sobre vivenda. 12 de decembro de 2024.
Avia Veira, durante un acto público
A concelleira do BNG Avia Veira vai defender unha moción no Pleno de decembro por medio do cal insta o Goberno Local a que, en aplicación da Ordenanza Municipal, faga un informe para a eventual delimitación de distritos saturados de Vivendas de Uso Turístico, zonas en que se prohibiría a implantación de novas vivendas de uso turístico.
Veira pídelle ao Goberno Local que estude a delimitación de zonas saturadas, con prohibición de implantar novas VUTs

No título V da Ordenanza -normativa aprobada no pleno do pasado mes de xuño- estipúlase, artigo 13, que cando nun distrito censual as vivendas destinadas ao uso turístico exceda a proporción de 0,5 vivendas por cada 100 habitantes “poderán delimitarse zonas saturadas” de VUT.

É por iso que Veira empraza o Goberno Local a que elabore un estudo nos distintos distritos da cidade, avalíe como está a relación entre VUTs e habitantes neles e, consecuentemente, elabore unha proposta que delimite aquelas zonas que si están saturadas, “cos planos correspondentes e a prohibición de implantar novas vivendas de uso turístico”.

O estudo debería ir primeiro á Xunta de Goberno Local e logo ao Pleno para a súa aprobación, en primeira instancia provisional e despois -decorrido o prazo de exposición pública- definitiva.

Veira lembra que os titulares das VUT tiveron un prazo de tres meses, desde a entrada en vigor da ordenanza, para obter a habilitación administrativa que lles permitiría desenvolver a actividade. “Transcorrido ese prazo, é necesario que o Goberno Local faga o estudo que determine que zonas da cidade están máis afectadas pola presenza das VUT”, salienta.

“Facemos esta proposta porque desde o BNG acreditamos nunha cidade viva, con barrios onde se poda vivir, traballar e construír comunidade. E para iso a xente ten que poder residir neles, ten que ter acceso a unha vivenda digna a prezos razoábeis”, conclúe.

Veira pídelle ao Goberno Local que estude a delimitación de zonas saturadas, con prohibición de implantar novas VUTs