UNHA PREGUNTA POR ESCRITO DE AVIA VEIRA
Unha iniciativa sobre demandas da veciñanza da Praza do Comercio non atendidas polo Goberno Local
A iniciativa é produto do diálogo mantido nos últimos días polo BNG e a recentemente creada Asociación Veciñal da Praza do Comercio.
"Non entendemos por que non se están a ter en conta as peticións das e dos veciños, que son absolutamente xustas e razoábeis", di Avia Veira. "En realidade, son demandas facilmente atendíbeis: simplesmente se trataría de lle comunicar ás empresas adxudicatarias dos distintos servizos municipais a orde de executar determinados traballos", engade.
De que demandas falamos? Pois de cousas tan necesarias como a reparación de beirarrúas (nas rúas Vila de Cee, Aaiún, Comercio, Rolda de Nelle) e pavimentos esvaradizos, cuxas malas condicións teñen provocado a caída de persoas de idade avanzada. Falamos tamén do arranxo do fechamento da rotonda da Praza do Comerciou ou a colocación de máis puntos de luz en rúas como Ramón María Aller ou Francisco Añón.
As razóns que explican a incomprensíbel falta de diálogo do Goberno Local coa veciñanza á hora de planificar as obras na Rúa San Leopoldo é outra das cuestións polas que nos interesamos nesta iniciativa, ben como tamén pola situación de baixos comerciais baleiros, algúns moi deteriorados, con dous deles (rúas Comercio e Vila de Cee) a filtraren augas fecais.
Inquirimos tamén o Goberno Local sobre a sucidade que presentan as zonas verdes, decorrente da súa falta de mantemento, nomeadamente nos xardíns da propia Praza do Comercio, "que levan anos sen que as adxudicatarias de mantemento das zonas verdes, parques e xardíns se fagan cargo delas".
"Sabemos que o Goberno Local coñece todas estas demandas, polo que nos é difícil entender por que até o de agora nin sequera ten intentado atendelas", conclúe Veira.