Compromiso con Unímonos ou Afundímonos para levarmos as súas reivindicacións ao Concello, Parlamento e Congreso
O BNG comprometeuse con este colectivo a levar as súas demandas, absolutamente razoábeis, ao Pleno do Concello, mais tamén ao Parlamento galego e ao Congreso. Nestes dous últimos casos, en todo o que ten a ver coa situación da Filmoteca de Galiza, o antigo CGAI, aínda pendente do nomeamento dun ou dunha directora, e co impulso da tramitación do Estatuto do Artista.
"Partillamos con Unímonos ou Afundímonos a idea de a situación das e dos traballadores do sector cultural da nosa cidade ser crítica e por iso demandamos unha política moito máis decidida por parte do Goberno Local. A Coruña teno todo para ser a grande capital cultural do país, mais infelizmente carecemos dunha política cultural feita desde o Concello á altura dese potencial", avalía Avia Veira.
Entre as demandas de Unímonos ou Afundímonos, figuran a elaboración dun censo de traballadoras e traballadores da cultura na Coruña, o incremento por parte dos poderes públicos -Concello, Xunta e Estado- da súa programación cultural, a posta en marcha de intercambios con outras cidades ou o establecemento de charlas remuneradas nos centros de ensino para achegar as distintas disciplinas artísticas ás e aos estudantes.