JORQUERA INQUIRE POR CUARTA VEZ O GOBERNO LOCAL SOBRE O COMPLEXO DO CASTRILLÓN
Hai aeroportos sen avións, hai complexos deportivos sen equipamentos
“Será a cuarta vez que preguntaremos por esta cuestión porque este complexo leva camiño de se converter na versión coruñesa do Aeroporto de Castellón. O de Castellón é un aeroporto sen avións, o do Castrillón un complexo deportivo sen instalacións deportivas”, ironiza Jorquera. “O edificio está rematado desde hai 5 anos, mais desde aquela só alberga un supermercado e o resto continúa a ser unha casca baleira”, critica.
Os termos exactos da pregunta oral que Jorquera realizará ao Executivo coruñés na sesión plenaria axendada para este xoves son os seguintes: “Está en condicións o Goberno Municipal de ratificar o compromiso segundo o cal o Complexo Deportivo do Castrillón estaría en funcionamento no primeiros semestre deste ano?”.
Ese compromiso contraeuno o Goberno Local cando no Pleno do 9 de setembro de 2021 o portavoz do executivo coruñés, José Manuel Lage, anunciaba, en resposta a unha pregunta formulada por Jorquera, que o Complexo abriría as súas portas ao público no primeiro semestre de 2022.
“Este complexo leva camiño de se converter na versión coruñesa do Aeroporto de Castellón. O de Castellón é un aeroporto sen avións, o do Castrillón, un complexo deportivo sen instalacións deportivas”, ironiza Jorquera
Mais o primeiro semestre de 2022 xa logo acaba e non hai visos de que a apertura se vaia producir. É máis, o Goberno Local, segundo puido saber o BNG, tería comunicado á Asociación Veciñal do Castrillón que o Complexo non estará listo antes do último trimestre do ano.
Para Jorquera, aínda hai moitas incertezas no horizonte. Por exemplo, a partida destinada nos orzamentos 2022 para a ampliación de capital de EMVSA, a empresa municipal encargada do complexo, é de apenas 830 mil euros, cando a súa Xunta Xeral de Accionistas, e por unanimidade, demandara 1,2 millóns de euros para estar en condicións de completar o equipamento das instalacións e a súa xestión provisoria.
O voceiro nacionalista censura que a estas alturas o Goberno Local continúe a desbotar a xestión directa do complexo e continúe a apostar por concesionar a súa explotación conxuntamente coas instalacións deportivas de San Diego.
Fica aínda por esclarecer, salienta Jorquera, como se vai realizar a transición, desde a xestión de EMVSA até a da futura concesionaria. “Sabemos, porque así nos foi comunicado na Comisión de Deportes, que se encargou a unha empresa externa a redacción dos pregos para proceder á licitación e que estes están case rematados”, refire o portavoz do BNG. “Mais aínda que fose así, calquera licitación é un proceso lento e non vai ser tecnicamente doado que EMVSA asuma inicialmente a apertura e posta en funcionamento do complexo para logo a xestión ser transferida, ao cabo duns meses, a unha concesionaria”, alerta.
En todo caso, a xuízo do BNG é fundamental que o Goberno Local esclareza dunha vez cando as veciñas e os veciños do Castrillón van poder gozar destas novas instalacións deportivas.