O #PLENOXANEIRO APROBA AS 3 MOCIÓNS FORMULADAS POLO GRUPO MUNICIPAL NACIONALISTA
O Goberno Local respóndelle ao BNG que ten un borrador da ordenanza das terrazas, mais elude dicir que vai pasar coas de María Pita
Na sesión de control ao Executivo local do primeiro Pleno de 2025, Avia Veira quixo saber cales son as prioridades do gabinete de Inés Rey a respecto da ocupación do espazo público.
Para o BNG, unha delas sen dúbida debe ser a elaboración dunha nova Ordenanza sobre as Terrazas, un dos compromisos do Acordo de Investidura pendente de cumprimento por parte do Goberno Local.
A Ordenanza é necesaria para regular a forma en que estas instalacións ocupan o espazo público, nomeadamente nas beirarrúas e nas rúas peonís. “Cómpre unha ordenación que elimine os atrancos ao tránsito de carros de bebés, cadeiras de rodas e vehículos de emerxencia”, subliña Veira.
Resolver se as terrazas poden “continuar ou non” a ocupar prazas de aparcamento, asegurar que as persoas residentes podan acceder sen problemas aos seus portais e garantir o cumprimento dos horarios destas instalacións son cuestións a abordar nesa regulación.
Ao mesmo tempo que é preciso a elaboración dunha nova normativa, o Concello ten outra tarefa pendente, a de pór fin á situación irregular en que se achan as terrazas cubertas de María Pita, cuxa concesión ficou caducada en 2022, “sen que o Goberno Local se digne a dicir que pensa facer con elas, o que é moi grave tendo en conta que falamos dun espazo moi querido polas coruñesas e os coruñeses”.
Nada contestou ao respecto a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, o que non deixa de ser sinal do desleixo do Goberno Local nesta materia. Desde o BNG continuará a se ocupar desta cuestión nos próximos días.
Sobre a necesidade de elaborar unha nova ordenanza, Noemí Díaz afirmou que xa existe unha normativa que regula as terrazas, aínda que, precisou, “si necesita actualización e estamos a traballar nela. Temos un borrador que lles facilitaremos proximamente”, dixo en resposta ao BNG.
Consello Municipal da Cultura e políticas de turismo
Sobre estas dúas cuestións formularon senllas preguntas orais Mercedes Queixas e David Soto, a pór en destaque a desatención que estas materias teñen por parte do Goberno Local.
Nos dous casos, a resposta do concelleiro responsábel, Gonzalo Castro, tivo o habitual ton triunfalista e autocompracente, actitude que se compadece mal co feito de as últimas convocatorias do Consello Municipal da Cultura e da Xunta de Goberno do Consorcio para a Promoción do Turismo seren de maio de 2024 e de marzo do mesmo ano, respectivamente.
Aprobadas as tres mocións do BNG
De resto, o Pleno aprobou as tres mocións formuladas polo BNG neste Pleno ordinario, dúas delas por unanimidade, en concreto as referidas ás demoras na reforma do mercado de Monte Alto e a mellora da conexión por bus coa estación provisional dos camiños de ferro, ambas asinadas por Avia Veira. A terceira, a do impulso do Consello de Memoria Democrática, defendida por Mercedes Queixas, colleitou o apoio do PSOE e a abstención do PP.