UNHA INICIATIVA DE MERCEDES QUEIXAS
COF de Orillamar: Goberno de Inés Rey e Xunta, tal para cal
A situación denunciouna, no Pleno do 9 de xaneiro e en forma de rogo oral, a concelleira do BNG Mercedes Queixas.
“O cadro de persoal do COF de Orillamar dependente do Concello é dunha traballadora social, 1 psicóloga clínica e tres administrativas”, refire a edil nacionalista.
Pois ben, actualmente o COF só ten unha traballadora social e unha administrativa. A praza de psicóloga clínica está vacante desde que a súa anterior titular se xubilara en maio de 2023.
“Levamos o asunto ao Pleno esixíndolle ao Goberno Local que se comprometa a completar a maior brevidade posíbel todas as prazas vacantes do COF de Orillamar (unha psicóloga e dúas administrativas) para restabelecer o completo funcionamento dun servizo fundamental e irrenunciábel para atender, de forma universal, os servizos de saúde sexual e reprodutiva das mulleres da Coruña”, indica.
Agarda Queixas que o Goberno Local tomase nota. “Non é de recibo que un goberno que se di progresista replique a forma de actuar do PP en relación ao COF de Orillamar, un centro que padece un proceso de desmantelamento acelerado”, sinala.
A precariedade de medios humanos obriga que unha mesma psicóloga clínica (esa é a solución arbitrada polo SERGAS) se alterne entre o COF de Orillamar e o do Ventorrillo. “A Xunta leva incumprindo sistematicamente as súas obrigas co COF de Orillamar, centro en que fica vacante unha praza de xinecoloxía por cubrir, asunto que temos levado en varias ocasións quer ao Pleno do Concello quer ao do Parlamento”, recalca Queixas.
A ausencia de persoal administrativo é tamén moi grave. “Moitas mulleres, cando chaman ao COF, teñen que agardar moito tempo a que as atendan pois a única persoa operativa está desbordada”, conclúe a concelleira.