RESPOSTA DO EXECUTIVO ÁS PREGUNTAS FORMULADAS POR AVIA VEIRA E FRANCISCO JORQUERA

O Goberno Local dille ao BNG que no primeiro trimestre deste ano licitará o novo contrato das bibliotecas

Avia
Avia Veira, durante o Pleno

Xa hai máis dun ano que caducou o contrato das cinco bibliotecas de titularidade municipal xestionadas por unha empresa privada, situación que levou a concelleira do BNG Avia Veira a formular unha pregunta oral ao Goberno Local no Pleno deste xoves.

O Goberno Local dille ao BNG que no primeiro trimestre deste ano licitará o novo contrato das bibliotecas

Quería saber a concelleira nacionalista que solucións pensa dar o Goberno Local á situación do persoal desas bibliotecas, afectado pola incerteza decorrente dunha extrema precariedade e interinidade. Durante este ano, explicou Avia Veira, téñense producido até dúas convocatorias de folga por demoras no pagamento dos salarios. E todo isto sen que desde o Goberno Local se acometese a redacción dos pregos do novo contrato. "Non sabemos nada dos pregos, nin pasaron pola Xunta de Goberno Local", dixo a concelleira na súa intervención.

"O Goberno Local traballa por resolver o problema nos termos permitidos pola legalidade vixente e respectando os compromisos asumidos", respondeu o portavoz do Executivo coruñés, José Manuel Lage."Os pregos do novo contrato deben ser o paso necesario para acabar coa incerteza laboral das traballadoras e dos traballadores, todo iso tendo como horizonte a unificación das bibliotecas nunha rede única xestionada directamente polo Concello", afirmou Avia Veira. O novo contrato ten que servir tamén para reforzar os servizos centrais e a equiparación das categorías profesionais que demanda o persoal, reclamou a concelleira nacionalista, quen ao mesmo tempo lembrou o compromiso, xa orzamentado, de redacción do proxecto para dotar dunha biblioteca municipal o barrio de Novo Mesoiro.

Mesa da Mobilidade

Na quenda de perguntas ao Goberno Local Avia Veira aproveitou tamén para lle inquirir ao concelleiro Juan Díaz Villoslada cando está previsto que o executivo liderado por Inés Rey convoque a Mesa pola Mobilidade.

Villoslada afirmou que a convocatoria se realizará nos primeiros días da próxima semana, despois de que a Xunta de Goberno Local decidise ampliar o número de colectivos que a integran. Nela estará representado o BNG pola propia Avia Veira, quen na súa intervención perante o pleno defendeu que o principio que debe informar toda a política de mobilidade do Concello ha de ser a preeminencia do transporte público sobre o privado.

Defensa do Paseo Marítimo fronte aos temporais

Completou a quenda das preguntas orais das nacionalistas a formulada por Francisco Jorquera sobre as medidas que pensa tomar o Concello para protexer o Paseo Marítimo dos temporais, após terse verificado que o sistema de erguer unha duna -reforzada este ano por un foxo e unha contraduna- tense revelado insuficiente para conter a forza das ondas.

"O obxecto desta pregunta é saber se o Concello ten disposición a barallar outras opcións", esclareceu Jorquera, quen puxo como exemplo a experiencia da praia de Zurriola, en Donostia. Nese areal construíuse un dique e un espigón de defensa, con éxito. Na Coruña tamén hai outras propostas, como a de habilitar un dique sumerxido, unha especie de arrecife artificial "que faga que as ondas rompan antes de chegar á praia", explicou Jorquera. "Sabemos, en todo caso, que son actuacións complexas que requiren do acordo e colaboración entre distintas administracións, actuacións que, de se faceren, deben ter a mínima afectación medio-ambiental", remarcou o portavoz nacionalista.

A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, dixo que non podía "estar máis de acordo" co diagnóstico feito por Jorquera e admitiu que as medidas que se puxeron sobre a mesa para tentar protexer o Paseo Marítimo "non están dando resultado", a pesar de estaren "tecnicamente avaladas".

Fontán indicou que o Concello estuda alternativas ao sistema de dunas e que o fai en coordenación coa Demarcación de Costas, coa que xa terían mantido unha reunión. "Nunha primeira ollada desbotamos a idea do dique", dixo. "Estamos máis por un modelo semellante ao que se aplica nas costas de Xapón ou nas dos Estados Unidos. Alí empregan unha especie de arrefice artificial, non de formigón, senón dunha sustancia que permite que o hábitat de flora e fauna se adapte con naturalidade e que non ten impacto visual", alegou. "Todo isto está en estudo", concluíu.
 

O Goberno Local dille ao BNG que no primeiro trimestre deste ano licitará o novo contrato das bibliotecas