UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA

O Goberno Local debe moverse ante a próxima desaparición do escudo social contra os desafiuzamentos

Stop Desafiuzamentos A Coruña
A concelleira do BNG Avia Veira insta o Goberno Local, vaino facer a través dunha iniciativa plenaria, a que vaia planificando medidas que eviten que se produzan desafiuzamentos unha vez que desapareza o chamado escudo social (o previsto é que deixe de estar en vigor a partir do próximo 31 de outubro).
O Goberno Local debe moverse ante a próxima desaparición do escudo social contra os desafiuzamentos

“A pregunta que nos facemos desde o BNG é se as administracións públicas están suficientemente preparadas para garantir o dereito ao acceso a unha vivenda digna a prezos razoábeis, nomeadamente nos casos de vulnerabilidade social, unha vez que desapareza o escudo social. E sinceramente pensamos que non”, di Avia Veira.

É por isto que a concelleira nacionalista urxe o Executivo coruñés a que poña en marcha medidas concretas urxentes (non só desde servizos sociais, mais tamén desde a Alcaldía, o urbanismo e a vivenda) que preparen un escenario sen escudo social.

“Cómpre que o Concello traballe man a man coa Xunta de Galiza e o Goberno do Estado en aspectos como a ampliación urxente do parque público de vivendas, a dotación de fondos para axudar as familias a facer fronte ás débedas e ao pagamento do aluguer e a regulación dos prezos do aluguer”, indica Veira.

Hai máis medidas que o BNG xa puxo sobre a mesa antes da pandemia, neste e en anteriores mandatos, entre elas a mobilización a vivenda baleira ou a negociación coa SAREB para a cesión ao Concello de moradas deshabitadas. “A nosa cidade é a máis cara da Galiza en prezo de venda e de aluguer”, lembra a concelleira do BNG.

“Cómpre que o Concello traballe man a man coa Xunta de Galiza e o Goberno do Estado en aspectos como a ampliación urxente do parque público de vivendas

“É especialmente preocupante”, subliña, “a falta dun parque público de vivendas a prezos baixos (lembremos que o Estado español está á cola en Europa –e Galiza á cola dentro do Estado- en percentaxe de vivenda pública”.

E é que un parque público de vivenda digno de tal nome contribuiría, remarca, a facer estoupar “a burbulla dos prezos no mercado privado”, ben como tamén a dar resposta, desde ás institucións públicas, aos casos de vulnerabilidade social. Igualmente sería unha achega moi positiva na dirección de favorecer a emancipación de determinados colectivos, singularmente o da mocidade.

 

O Goberno Local debe moverse ante a próxima desaparición do escudo social contra os desafiuzamentos