Borrego admite que Naranjo non foi seleccionado nun concurso, senón nun proceso de libre designación

FJ Pleno
O concelleiro de Turismo Juan Ignacio Borrego rebaixou o concurso de selección da persoa responsábel da Xerencia do Consorcio de Turismo á categoría de “procedemento de libre designación”, en resposta a unha pregunta formulada ao respecto por Francisco Jorquera durante a sesión plenaria deste xoves 9S.
Borrego admite que Naranjo non foi seleccionado nun concurso, senón nun proceso de libre designación

“Cando se convoca a praza de xerente de Turismo”, dixo Borrego, “non se convoca un concurso ningún, convócase un procedemento de libre designación. As bases reflicten exactamente os requerimentos que se lle piden aos candidatos que se queren presentar”.

“O problema do Goberno Local é que todos os datos apuntan a que estamos ante un dedazo, non ante unha escolla transparente e respectuosa co principio da igualdade de oportunidades das persoas concorrentes. Por iso agora queren presentalo como unha procedemento de libre designación”, valora Jorquera.

Na súa intervención, o portavoz nacionalista lembrou que no seu día o BNG fora moi crítico “coa forma e o fondo do cesamento” de Lanzada Calatayud como xerenta do Consorcio. Unha destitución que se produciu “saltándose os propios estatutos do Consorcio, en concreto o seu artigo 12, en que se estabelece que o órgano competente para nomear ou separar a persoa titular do Consorcio é o seu Consello”.

O portavoz nacionalista lembrou que no seu día o BNG fora moi crítico “coa forma e o fondo do cesamento” de Lanzada Calatayud como xerenta do Consorcio

Criticáramos tamén unha decisión que nos parecía irracional porque se deixaba descabezada a Xerencia de Turismo no inicio da temporada alta e dicíamos que se se optaba polo sistema de concurso podían pasar até seis meses antes de achar a nova ou o novo responsábel.

“A non ser, advertíamos, de que as razóns dadas para o cesamento fosen un pretexto para colocar na Xerencia unha persoa que o Goberno Municipal xa tiña en mente”, dixo Jorquera.

E agora todos os datos apuntan a que efectivamente así era: o dedazo estaba en marcha.

Vexamos: un mes antes do cesamento de Lanzada Calatayud, Moisés Naranjo abandonaba a Xerencia do Padroado de Turismo de Fuerteventura; despois é seleccionado como novo xerente do Consorcio coruñés froito dun concurso exprés “no que só se deron oito días de prazo para elaborar unha proposta de actuación en materia turística”.

Con tan exiguo prazo, e tendo en conta que o concurso se convocaba en pleno mes de agosto, só se presentaron tres candidaturas, fronte ás 35 do concurso de 2016, denunciou Jorquera.

E hai máis: as candidaturas non foron avaliadas, tal e como establecían as bases do concurso, por un órgano composto por profesionais cualificados e especialistas, senón “polo cadro técnico da empresa Valora Consulting de Xestión, contratada polo Consorcio a tal efecto”.

“Considera un modelo de uso racional dos recursos públicos contratar unha consultora por case 10 mil euros para que valore tres currículos e tres propostas de actuación en materia turística?”, inquiriu Jorquera.

E por se ficase algunha dúbida, o propio Moisés Naranjo, nunha entrevista publicada por Tur 43. Periódico de Turismo do Norte, afirmaba que fora a situación da cidade en materia turística a que o animara a “aceptar o cargo”.

Isto é, non houbo igualdade de oportunidades entre os candidatos, o cargo foille ofrecido.

“Os datos son elocuentes. Non houbo un proceso transparente”, conclúe Jorquera.

 

Borrego admite que Naranjo non foi seleccionado nun concurso, senón nun proceso de libre designación