EN RESPOSTA A FRANCISCO JORQUERA
O Goberno Local adía até a licitación conxunta con San Diego a regularización da situación no Complexo Deportivo do Castrillón
O voceiro do Executivo coruñés afirmou que esa licitación permitirá “regularizar a situación” que se vive no Centro Deportivo de San Diego, caracterizada, relatou Jorquera, por múltiples deficiencias na prestación do servizo por parte da empresa contratada por EMVSA para asumir a encomenda da xestión que lle fixo o Goberno Local mentres non se producir o concurso conxunto.
Na súa intervención, Jorquera lembrou que, en concordancia co expresado pola asociación veciñal O Castrillón IAR, o BNG ten defendido sempre a xestión directa por parte do Concello para o complexo deportivo. O Goberno Local tomou outro camiño e o problema é que, ante a ausencia dese contrato conxunto, EMVSA, por falta de recursos propios, se viu obrigada a subcontratar a xestión do complexo.
Así, “os servizos que tivo que subcontratar EMVSA estanse a prestar en precario, porque o contrato xa está caducado e as irregularidades e incumprimentos na prestación do servizo son sistemáticos”, dixo Jorquera.
Entre as irregularidades non é a menor que “o cadro de persoal é totalmente insuficiente para atender os labores asignados”, froito do cal as/os traballadoras contratadas se ven obrigadas a realizar funcións para as cales en ocasións carecen da titulación necesaria.
As deficiencias foron denunciadas pola representación do persoal e aí é cando a empresa “obrigou as persoas traballadoras a asinar un escrito conforme non estaban afiliadas a ningún sindicato”, no que constitúe unha clara violación dos seus dereitos fundamentais.
Viólanse dereitos fundamentais porque, lembrou Jorquera, o artigo 28 da Constitución recoñece o dereito a sindicarse libremente. “E o artigo 16 di que ninguén poderá ser obrigado a declarar sobre a súa ideoloxía, relixións ou crenzas”, engadiu.
As denuncias sindicais tiveron como réplica “unha cadea de despedimentos” como represalia, unha resposta absolutamente intolerábel por parte dunha empresa concesionaria dun servizo municipal. O Goberno Local ten que garantir a correcta prestación dese servizo e, por suposto, o respecto aos dereitos fundamentais do persoal.
A respecto destas denuncias, o portavoz do Goberno Local expresou a súa vontade de “esclarecer os feitos”, se ben remarcou que a información de que dispón “é distinta” da ofrecida por Jorquera.