SOBRE MOBILIDADE, TURISMO E AS OBRAS DE HUMANIZACIÓN DO PASEO MARÍTIMO

O Pleno de decembro aproba por unanimidade as tres mocións do BNG

Jorquera a falar con alcaldesa e portavoces
Jorquera a falar coa alcaldesa e os portavoces dos grupos popular e socialista, minutos antes de comezar o Pleno
O Pleno de decembro deu luz verde, e por unanimidade, as tres mocións formuladas polo grupo municipal do BNG: sobre mobilidade, turismo e as obras de humanización do Paseo Marítimo. A iniciativa sobre turismo incorporou unha emenda proposta polo PP.
O Pleno de decembro aproba por unanimidade as tres mocións do BNG

A Corporación, por tanto, empraza o Goberno Local a que no prazo de 3 meses traia a Pleno unha nova Ordenanza de Mobilidade.

“A Coruña precisa unha normativa municipal en materia de mobilidade máis moderna. A aparición e fomento de novos medios de transporte como os patinetes, o aumento do uso da bicicleta na cidade, a construción de novos espazos peonís e a maior concienciación social para o uso do transporte público requiren obxectivamente da redacción dunha nova Ordenanza de Mobilidade”, defendeu a concelleira nacionalista Avia Veira.

En realidade, o que pedimos é que o Goberno Local cumpra as súas propias previsións e nese sentido lembrou Veira que, na Mesa para unha Mobilidade Sustentábel, o Executivo coruñés se comprometeu a dotar a cidade desa ordenanza xa en 2022.

Canto ao turismo, o noso concelleiro David Soto pide un novo Plan Estratéxico de Turismo, pois o anterior (2017-2020) tivo un “cumprimento escaso”.

20231214_100443
Queixas, Jorquera, Veira e Soto

Un novo Plan Estratéxico de Turismo debería acometer actuacións específicas en varios ámbitos, desde a promoción da gastronomía local tradicional (o concurso tapas Picadillo, o festival SAL e o Lacónicas son “accións axeitadas”, mais faise precisa unha acción específica para a promoción turística da gastronomía coruñesa) até a mellora da promoción e divulgación da Torre de Hércules (nos últimos anos acabáronse as visitas nocturnas e os horarios de visita deben ampliarse en temporada alta).

E nese contexto dunha nova estratexia é onde o BNG insire a súa proposta de creación dun Museo da Emigración Galega. A este respecto, explica David Soto que “existe un en Bos Aires, pero ningún en Galiza, a pesar da importancia social, económica e histórica da migración no noso país e da importancia da Coruña como punto de partida de boa parte da migración galega”.

Finalmente, sobre as obras de humanización do Paseo Marítimo, cuxo retraso está a provocar moitas molestias á veciñanza do populoso barrio de Monte Alto ao bloquear unha das súas arterias de saída e entrada, Avia Veira instaba o Goberno Local a que fiscalizase a empresa adxudicataria para controlar se realmente está a cumprir co contrato e a pór todos os medios para garantir o cumprimento dos prazos.

Emprázase tamén o Executivo coruñés a que, no caso de se constatar a non posta en funcionamento dos medios precisos por parte da empresa, se proceda a sancionar á adxudicataria.

Veira non aforrou críticas á alcaldesa: “Non ten perdón dicir que as obras avanzan a bo ritmo ou dicir que o motivo polo que hai retrasos na obra é o mal tempo”.

 

 

O Pleno de decembro aproba por unanimidade as tres mocións do BNG