ENCONTRO NO CENTRO CÍVICO DA CIDADE VELLA CON MARÍA SEIJO, IRIA CARREIRA E MERCEDES QUEIXAS
O goberno do cambio galego liderado por Ana Pontón rescatará a sanidade pública do desmantelamento e da privatización
Na súa intervención, Queixas situou o BNG como “garantía de defensa da sanidade pública fronte ás políticas de desmantelamento e privatización que constitúen o legado que nos deixan 14 anos de goberno ininterrompidos do PP á fronte da Xunta de Galiza”.
A número 2 da listaxe nacionalista agradeceu as achegas que durante a súa experiencia parlamentar recibiu de “persoas que teñen un grande coñecemento da realidade sanitaria”. “Desde o BNG mantivemos e mantemos un contacto permanente con usuarias, colectivos ou plataformas como SOS Sanidade Pública”, referiu.
O balance da xestión sanitaria do PP en relación á nosa cidade e comarca é “absolutamente desolador”, remarcou e a seguir detallou distintos aspectos que o ilustran: “O abandono xeneralizado da atención primaria e do centro de especialidades do Ventorrillo, os retrasos no seguimento de pacientes operadas de cancro de mama no Abente y Lago, a falta de asistencia de doentes xordos -pese a haber acordos parlamentares unánimes para que se lles prestasen os necesarios coidados-, o colapso do CHUAC en parte provocado polo abandono da atención primaria, a dotación de TCAEs e de celadores/as no Abente y Lago como materia pendente...”.
Fronte á sistemática crítica exercida polo BNG desde o Parlamento galego, o PP só ofreceu como respostas “evasivas”, “incumprimentos” e “mentiras para negar o evidente”. E o evidente “son os recortes, a privatización da sanidade pública e a drenaxe de fondos públicos para a privada”.
O panorama complétase coa dificultade cada vez maior á hora de conseguir unha cita coa médica de familia, o esgotamento das e dos profesionais e “a cantidade de clínicas privadas que abren nos nosos barrios”.
Cumpre unha mudanza radical destas políticas e a posta en andamento doutras que tornen prioritario o reforzamento da sanidade pública universal e de calidade. “O goberno do cambio galego que vai liderar Ana Pontón comprométese desde logo con esa tarefa”, salientou Queixas.
Nesa dirección, o Goberno galego presidido por Ana Pontón, avanzou Queixas, destinará 25% do orzamento sanitario a fortalecer a atención primaria e incorporará ao SERGAS novos profesionais en ámbitos como a fisioterapia, a psicoloxía, a podoloxía ou a nutrición.