A DA ORDENANZA DO GALEGO E A DA ACCESIBILIDADE UNIVERSAL, POR UNANIMIDADE

O Pleno de xaneiro aproba as tres mocións do BNG

Grupo municipal Pleno Xaneiro
O grupo municipal, minutos antes do comezo do Pleno
O Pleno do Concello aprobou este xoves as 3 mocións defendidas polo BNG, dúas delas -a referida ao cumprimento da Ordenanza do Galego e a que demandaba políticas de accesibilidade universal- por unanimidade. A terceira, sobre mobilidade metropolitana, tivo o apoio do grupo municipal socialista e foi rexeitada pola bancada conservadora.
O Pleno de xaneiro aproba as tres mocións do BNG

Foi Mercedes Queixas quen tomou a palabra para defender a moción sobre a Ordenanza do Galego. En esencia, alertaba sobre o incumprimentos desta norma -a concelleira nacionalista lembrou que A Coruña foi, das 7 cidades, a última urbe galega en se dotar dela- e demanda a materialización de dúas das súas previsións básicas: a constitución dun Consello Local da Lingua e a elaboración dun Plan de Normalización Lingüística.

A respecto do Consello Local da Lingua, Queixas salientou que debería ter sido xa creado no mandato anterior “e ser renovado para o adoptar á composición municipal actual”. “Porén, até agora non houbo contactos coas forzas políticas para avanzar na súa creación”, criticou.

En realidade, remarcou, o CLL ten unha “importancia central”, sendo que é a ferramenta que debe avaliar “o cumprimento da ordenanza e axudar a mellorala para avanzar”. “Sen esta ferramenta, a ordenanza deixa de ter sentido”, concluíu.

O acordo adoptado polo Pleno insta o Goberno Local a constituír o CLL -e tamén a impulsar o Plano de Normalización Lingüística- no primeiro semestre deste ano.

Canto á moción sobre a accesibilidade universal, defendeuna Avia Veira e a través dela se empraza o Executivo coruñés a elaborar e traer a Pleno en2024 un Plan Municipal de Accesibilidade Universal, dialogado co tecido asociativo que representa os colectivos de persoas con mobilidade reducida.

Trátase de impulsar medidas que democraticen a cidade, isto é, que permitan a persoas con mobilidade reducida -mais tamén persoas con discapacidades visuais, sensoriais, xordas, xordomudas- transitar sen obstáculos polas nosas rúas e igualmente acceder sen atrancos aos espazos públicos, mesmo a un Pazo de María Pita que en absoluto é enteiramente accesíbel.

Finalmente, a moción sobre mobilidade -votada en contra polo PP- procuraba o compromiso das administracións galega e estatal visando unha mellora substancial da mobilidade na cidade e na súa contorna.

Deste xeito, instaba o vindeiro goberno da Xunta a acordar con todos os concellos da comarca a posta en marcha do Consorcio Metropolitano de Transporte e a se responsabilizar das súas competencias na materia, de modo a ofrecer un servizo de transporte por autobús -liñas, frecuencias, horarios e prezos- adaptados ás necesidades das poboacións e “non aos intereses das empresas”.

Canto ao goberno do Estado, Avia Veira emprazábao a incluír nos proxectos de ampliación da Avenida da Vedra e a Ponte Pasaxe a instalación de carrís VAO (para autobuses), ben como tamén a acelerar a implantación dos servizos de trens de proximidade na nosa área.

 

 

 

 

 

 

O Pleno de xaneiro aproba as tres mocións do BNG