NOVO MESOIRO
Preguntamos polo corte de auga quente realizado por Emalcsa no edifico de Ribeira Sacra 15-17-19-21
Trasladamos unha batería de preguntas ao Goberno Local sobre a situación denunciada pola veciñanza e da que se fixeron eco distintas informacións periodísticas
Non entendemos porque un conflito entre administracións dá lugar a privar á xente dun servizo básico como o da auga quente e preguntámonos quen autorizou esta actuación tan drástica
Presentamos unha batería de preguntas (podes velas premendo aquí) en relación as denuncias realizadas pola veciñanza do edificio de Ribeira Sacra 15-17-19-21, e que foron recollidas en diversos medios de comunicación, a respecto do corte do subministro de auga quente efectuado por Emalcsa.
Xa que logo as denuncias recollidas nos medios informan de que o debedor das facturas do subministro da auga é a Xunta de Galiza a través do IGVS, queremos que o Goberno municipal aclare por que isto ten que afectar á totalidade das familias das 160 vivendas ás que se lle cortou o servizo. Non entendemos porque un conflito entre administracións dá lugar a privar á xente dun servizo básico como o da auga quente e preguntámonos quen autorizou esta actuación tan drástica.
Así, rexistramos esta iniciativa para aclarar se o Goberno municipal era coñecedor da débeda existente e desde cando, e, sobre todo, que alternativas se propuxeron, se houbo algunha, para non ter que acometer desde Emalcsa o corte da auga quente para o conxunto do edificio, incluídas as familias ao corrente do pago da factura da auga e as que non estivesen, e para cando se ten previsto restablecer o subministro ás persoas propietarias, xa que lembramos son a maioría persoas que en situación precaria, con rendas baixas, nalgún caso en risco de exclusión social, e que, tal e como denuncia a propia veciñanza, están a cumprir rigorosamente cos seus pagos, polo que aínda máis inxustificado resulta a privación intencionada deste servizo.
Entendemos que o subministro debe restablecerse de xeito inmediato, e cualificamos de inxustificábel actuacións desta índole que afectan á vida cotiá das persoas, sobre todo a colectivos tan sensíbeis e cos que as administracións debería ter especial atención e seguimento.
A Coruña, 8 de agosto de 2017.