Falta de osíxeno, material sen esterilizar, escaseza de material... no servizo de socorrismo
A Coruña, 11 de setembro de 2012.- O concelleiro do BNG Xan Caxigal denuncia unha serie de graves incumprimentos en materia laboral, hixiénico-sanitaria e do prego de condicións por parte da empresa adxudicataria do servizo de socorrismo do Concello da Coruña.
Trátase dunhas irregularidades que, advirte o nacionalista, supoñen importantes riscos para a propia saúde do persoal e para os usuarios e usuarias das praias. De aí que lle esixa ao Goberno do Sr. Negreira que garanta a prestación deste servizo, que ten un custo de 430.000 euros anuais, en condicións.
Xornadas interminábeis, vacacións irregulares, cambios de posto de traballo sen xustificar e nóminas a destempo
Segundo puideron saber os nacionalistas, a empresa está a incumprir as condicións laborais do persoal, que realizan xornadas de 10 horas ao día con 45 minutos para xantar (sempre dentro da caseta, pois esíxelle unha total dispoñibilidade dos e das traballadoras), máis as horas extra. Tamén incumpriría as vacacións, que non están contempladas nos cadrantes horarios, pero que si aparecen reflectidas nas nóminas como gozadas.
Ademais, os postos de traballo cambian dun día para outro, sen xustificación, e sen previo aviso. En canto ao pagamento das nóminas, non se realizan con puntualidade. Segundo as denuncias recollidas polo BNG, no primeiro mes os e as traballadoras cobraron a día 17 de xullo; o segundo, a 13 de agosto, e o terceiro, aínda non cobraron.
Falta de osíxeno e material sen esterilizar
No que ten a ver coas deficiencias hixiénico-sanitarias, os nacionalistas puideron saber que non existe suficiente osíxeno no equipamento das praias de Santo Amaro e de Oza. Tamén, no que relativo ao osíxeno, Caxigal advirte de que as máscaras empregadas para as recuperacións cardio pulmonares foron repartidas aínda a mediados de agosto.
O nacionalista esíxelle ao Goberno local que garanta a prestación deste servizo en condicións, que lle vale aos coruñeses e coruñesas 430.000 euros anuais
Outra das irregularidades detectadas refírese ás baterías dos desfibriladores, que estiveron caducadas (a día de hoxe o erro foi subsanado e contan con vixencia até o 2013), e á imposibilidade de estelirizar o material, nomeadamente tesoiras, pinzas e cubas para o tratamento de picaduras por escarapotes. Tampouco teñen un tratamento hixiénico-sanitario correcto as casetas.
Os chalecos e as embarcacións non cumpren a normativa
Caxigal tamén apunta a unha serie de incumprimentos do prego de condicións, como o incumprimento de peche operativo en Santa Cristina. Nesta praia, déixase de prestar servizo ás 20h, en lugar de ás 21h. Ademais, os chalecos das motos de auga (que carecen de casco) son de competición, polo que non están homologados, e as embarcacións non están aproadas cara ao mar tal e como marca o prego (posición que facilitaría a súa posta en marcha ante unha emerxencia).
Pola outra banda, incúmprense os mínimos esixidos no prego de condicións no que ten a ver co persoal e as quendas de traballo, pola negativa da empresa a pagar as vacacións. Isto significa, explica Caxigal, que o servizo se cumpre por baixo das esixencias de persoal mínimo deste prego.
Por último, o nacionalista sinala que as embarcacións están incluídas na sétima listaxe, cando tiñan que estar na sexta. Isto implicaría ter un patrón de porto para o seu manexo, e non un patrón de embarcación de recreo, como hai na actualidade.