Fábrica de armas: O BNG esíxelle ao PP pasar das declaracións de intencións á contundencia

María Xosé Bravo e Xosé Manuel Carril, na manifestación dos traballadores da fábrica de armas
Fábrica de armas: O BNG esíxelle ao PP pasar das declaracións de intencións á contundencia

A Coruña, 16 de marzo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG, cuxo portavoz, Xosé Manuel Carril, acompañou esta mañá os traballadores da fábrica de armas ao longo da manifestación percorreu as rúas da cidade, na que tamén participou a concelleira María Xosé Bravo, esíxelle ao Goberno municipal e á Xunta de Galiza que pasen das declaracións de intencións aos feitos contundentes para exerceren, dunha vez, presión sobre o Goberno central.

Visto que a empresa rompeu as negociacións coa mesa intersindical, as nacionalistas emprazan o Goberno municipal e á Xunta de Galiza a reclamarlle ao Ministerio de Industria e ao de Defensa presión sobre General Dynamics. Tamén esixen que a Xunta lidere o impulso dun proxecto industrial que garanta a actividade industrial na fábrica e, en consecuencia, o mantemento dos postos de traballo, tal e como se comprometeu o Goberno galego cos traballadores.

Neste sentido, o Grupo Municipal do BNG esíxelle ao Goberno municipal e á Xunta de Galiza máis implicación e firmeza en defensa dos postos de traballo, máxime tendo en conta que a única planta que General Dynamics vai pechar en todo o Estado é a da Coruña. As nacionalistas, que apostan pola diversificación da actividade ao eido civil como garantía de futuro, lamentan que o presidente da Xunta nin sequera lle mencionase ao presidente do Goberno a situación que atravesan os traballadores da fábrica de armas da Coruña na reunión que mantiveron o pasado luns na Moncloa.

Por último, o Grupo Municipal do BNG apela á capacidade de presión que ten o Concello da Coruña sobre o Ministerio de Defensa. E é que de pechar este centro de traballo, os terreos de Pedralonga ficarían desafectados e o Concello podería solicitar a reversión, co fin de evitar a especulación e para garantir a continuidade da actividade industrial, a través da implicación directa da Xunta de Galiza.

 

 

Fábrica de armas: O BNG esíxelle ao PP pasar das declaracións de intencións á contundencia