Bravo reclama melloras en ensino e sanidade para o barrio de Novo Mesoiro

Bravo reclama melloras en ensino e sanidade para o barrio de Novo Mesoiro

A Coruña, 15 de marzo de 2013.- A concelleira nacionalista María Xosé Bravo visitou Novo Mesoiro acompañada de membros da Asociación de Veciños e Veciñas, que lle amosaron a desatención que sofre o barrio. “Semella que para o Goberno municipal hai barrios de primeira, e barrios de terceira”, critica Bravo, que se compromete a levar tanto ao Concello como ao Parlamento de Galiza as demandas que solicitan os veciños e veciñas.

En primeiro lugar, a edila do BNG pon de manifesto a falta de seguridade que padece Novo Mesoiro, con desprendementos dos taludes nas rúas Fragas do Eume, os Ancares e Illa Sálvora. “A caída de rochas ilustra o descoido das concelleiras de barrio, que o único que fan para impedilo é enviar, de cando en vez, a policía local para que coloque uns valados. “A desidia é tal que, día tras día, poden verse os valados tirados no chan, rotos e con ferruxe”, sinala.

Tamén en relación coa falta de seguridade, Bravo denuncia a existencia dun solar ao carón do polideportivo cunha grande fochanca que atravesa unha tubaxe que conduce corrente eléctrica, “e isto, ao lado dunha zona de xogos para os cativos”, alerta. Ademais, apoia a necesidade de construír unha mediana na avenida Novo Mesoiro (nos tramos entre a primeira e segunda rotonda e entre a terceira e a cuarta), a colocación de máis pasos de peóns semielevados á altura das paradas de buses escolares, a adaptación das bandas rugosas á normativa europea ou a colocación de barreiras protectoras no bordo das rotondas onde hai parques infantís.

Pola outra banda, Bravo anuncia que o BNG emprazará o Goberno municipal a garantir a conexión de Novo Mesoiro cos puntos estratéxicos da cidade a través do autobús urbano, nomeadamente cos barrios de Elviña e Matogrande e co Campus de Elviña, e a mellorar as frecuencias.

Reforzamento dos servizos sociais públicos

Outra das demandas que recolleu a edila do BNG foi a mellora dos servizos sociais que se prestan en Novo Mesoiro. Así, salienta que o Grupo Municipal do BNG reclamará a ampliación da escola infantil, con prazas insuficientes para atender as necesidades do barrio, e o aumento do horario que presta a Ludoteca, en aras dunha a conciliación familiar que beneficie o maior número de persoas con crianzas. Ademais, Bravo apoia a suxestión da asociación de veciños e veciñas de crear unha biblioteca municipal para o barrio, sempre e cando conte cunha superficie superior aos 400m2.

A concelleira nacionalista reclamará no Concello, a instancias da entidade veciñal, a creación de novas zonas de recreo e de pistas de xogo, nomeadamente de fútbol e de baloncesto, e de novas dotacións deportivas do barrio, ademais de adecuar o polideportivo que posúe o barrio. A colocación de fontes de auga funcionais, que poidan seren empregadas polos cativos, a mellora do alumeado dos parques naturais e a creación dunha área canina son outras das demandas que o BNG lle trasladará ao Goberno municipal.

O BNG levará ao Parlamento de Galiza as necesidades do barrio

Despois da xuntanza coa asociación veciñal, Bravo anuncia que o BNG levará ao Parlamento as peticións que son competencia da Xunta de Galiza.

Entre outras demandas, as nacionalistas reclamarán a supresión do coto de caza que está pegado ás vivendas e a ampliación do CEIP Manuel Murguía. Tamén instarán o Sergas a abrir o centro de saúde durante as tardes e a dotalo dunha praza de matrona.

 

Bravo reclama melloras en ensino e sanidade para o barrio de Novo Mesoiro