O evidente impacto visual das obras do Parrote sobre o Castelo de Santo Antón negado polo PP
O Alcalde poderá solicitarlle agora o que queira a COPASA, mais o estudo de detalle que aprobou desestimando as alegacións do BNG no pleno de decembro de 2011 impacta e racha a harmonía da perspectiva visual do conxunto do Parrote, mesmo impedindo as vistas ao Castelo de Santo Antón, que desaparece do campo visual.
O Goberno Local xa coñecía este impacto visual porque así o denunciou o BNG nas súas alegacións ao estudo de detalle do Parrote presentadas en novembro de 2011 e que o partido popular rexeitou.
O Grupo Municipal do BNG sinala que o Alcalde poderá solicitarlle agora o que queira a COPASA, mais o Estudo de Detalle que aprobou, desestimando as alegacións e o voto particular do BNG, no pleno de 15 de decembro de 2011 impacta e racha a harmonía da perspectiva visual do conxunto do Parrote, mesmo impedindo as vistas ao Castelo de San Antón. Non pode o Goberno local afirmar agora que descoñecía este impacto visual, precisamente porque así llo denunciou o Bloque Nacionalista Galego nas súas alegacións ao Estudo de Detalle presentadas o 31 de outubro de 2011 e que o Partido Popular rexeito neste e noutros puntos.
Tal e como se pode comprobar na alegación número 3 destas alegacións, o BNG indicaba literalmente o seguinte:
O volume da edificación da área A infrinxe a norma de aplicación directa do art. 104 da LOUG, dado o seu impacto e que racha coa harmonía da perspectiva visual do conxunto do Parrote.
O estabelecemento dunha liña de protección visual do castelo de Santo Antón non vai acompañada doutras perspectivas en relación á protección visual do conxunto das edificacións do paseo do Parrote e desde este mesmo paseo cara ao castelo de Santo Antón e o propio paseo marítimo. Ou é que o volume edificatorio proxectado na área A non dificulta ou elimina o campo visual das galerías do paseo do Parrote desde o paseo marítimo? Ou non é que dito volume limita e desharmoniza a visión da perspectiva do litoral portuario desde o paseo do Parrote? Dito o anterior con independencia do impacto que esta edificación ten sobre o entorno inmediato do baluarte, cuxa protección e posta en valor é contraditoria coa previsión de tal volume edificatorio.
O Goberno Local, non só desestimou esta alegación do BNG (falando literalmente da non incidencia da ordenación proposta nos elementos sinalados), senón que no Pleno de 15 de decembro de 2011 aprobou en contra dun voto particular do BNG o Estudo de Detalle do Parrote, negando tal impacto visual.
A día de hoxe é moi fácil comprobar persoalmente in situ o impacto visual sobre a protección visual do castelo de Santo Antón do volume edificatorio con usos comerciais e da estrutura metálica que sobresae sobre o teito deste futuro edificio de usos comerciais.
Pódese ver estes efectos nas fotos no premendo no seguinte enlace facebook tomadas estes días desde diferentes lugares (desde a beirarrúa que conduce ao hotel Finisterre; desde o propio paseo do peirao da Mariña; e desde os xardíns da Mariña, pegado ao edificio de turismo que se pretende derrubar co proxecto de urbanización da Mariña) para comprobar como o castelo de Santo Antón desaparece do campo visual como consecuencia deste edificio de usos comerciais e a súa estrutura metálica superior.