JORQUERA REXISTRA DÚAS INICIATIVAS AO RESPECTO

Unha estada que leva 8 anos a apuntalar un edificio e que dificulta o tránsito dos peóns pola beirarrúa

Problemas de accesibilidade edificio rúa Asturias número 21
Os problemas de accesibilidade son evidentes
O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, rexistrou dúas iniciativas -un rogo oral para a súa lectura no Pleno ordinario de novembro e unha pregunta por escrito- por medio das cales alerta sobre o estado semirruinoso dun edificio no número 21 da Rúa Asturias, nos Mallos.
Unha estada que leva 8 anos a apuntalar un edificio e que dificulta o tránsito dos peóns pola beirarrúa

Parte da fachada do inmóbel está apuntalada desde hai máis de oito anos por unha estada que ocupa parte da beirarrúa, o que obviamente dificulta a accesibilidade para os peóns, salienta Jorquera na exposición de motivos do rogo oral.

Advirte o portavoz nacionalista que “o mal estado da fachada fai que a veciñanza que transita por esta zona teña que convivir co risco de se produciren desprendementos”.

Non é a primeira vez que o grupo municipal do BNG se interesa por este asunto. Xa o fixo, igualmente cun rogo oral, no Pleno do pasado mes de marzo e cunhas preguntas para respostas por escrito datadas o 4 de abril.

Na resposta, o Goberno Local apuntaba que o Concello se dirixira á propiedade do inmóbel para esta resolver o problema, sen descartar “medidas subsidiarias” para a eventualidade de que as actuación solicitadas non se levasen a termo e a situación do inmóbel puidese xerar “un problema inminente”.

Mais o caso é que ao BNG non lle consta ningunha actuación por parte do Concello, o que leva Jorquera a volver formular o asunto no vindeiro Pleno.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Unha estada que leva 8 anos a apuntalar un edificio e que dificulta o tránsito dos peóns pola beirarrúa