MERCEDES QUEIXAS LEVA O ASUNTO AO #PLENOSETEMBRO EN FORMA DE ROGO ORAL
Escoitará de vez o Goberno de Ines Rey á xente da cultura e manterá a carga e descarga do Colón?
A resposta do Goberno Local foi absolutamente insatisfactoria, non só para o BNG, senón tamén para as e os profesionais da cultura e para as e os traballadores dos teatros Colón e Rosalía, cuxo funcionamento normal se ve claramente perturbado.
É por isto que Mercedes Queixas volve levar o asunto ao Pleno do Concello, a se realizar o xoves 11 de setembro, a través dun rogo oral por medio do cal insta o Goberno de Inés Rey a que procure “unha localización alternativa á parada dos autobuses metropolitanos na rúa Manuel Casas, que non torne inviábel o actual espazo de carga e descarga das montaxes”.
“É incomprensíbel e inxustificábel que o Goberno Local autorizase un proxecto que anula, sen alternativas viábeis, o imprescindíbel espazo de carga e descarga para levar a cabo as montaxes das programacións dos dous teatros, creando un grave problema para o traballo diario das profesionais da cultura na nosa cidade”, refire Queixas.
De feito, resalta a concelleira nacionalista, as e os profesionais formularon alegacións ao proxecto de reforma dos Cantóns para garantir o mantemento dese espazo. “É hora de que o Goberno Local rectifique”, remarca.