VERBO DOS ORZAMENTOS 2026: "A PELOTA ESTÁ NO TELLADO DO PSOE"

Jorquera, sobre o novo curso político: "Continuaremos a traballar para dotar a cidade da alternativa de goberno que necesita"

WhatsApp Image 2025-09-04 at 18.44.16
Jorquera, nos estudos de Radio Coruña
O BNG afronta con “moita ilusión e con moita responsabilidade” o comezo do que convencionalmente se denominada novo curso político e cun propósito claro: “Imos continuar a traballar para dotar A Coruña da alternativa de goberno local que precisa”, afirma o portavoz nacionalista en María Pita, Francisco Jorquera.
Jorquera, sobre o novo curso político: "Continuaremos a traballar para dotar a cidade da alternativa de goberno que necesita"

“O BNG ten a vontade de se constituír nunha alternativa ao actual estado de cousas na cidade. E, por tanto, estamos a prepararnos para sermos a forza que lidere A Coruña despois das vindeiras eleccións municipais”, acrecenta.

E mentres tanto, o BNG continuará a asumir o encargo que recibiu das coruñesas e coruñeses en maio de 2023: ser a forza decisiva no Concello: “Hai que contar co BNG se se queren sacar os temas adiante. Estamos na oposición, exercemos o rol que nos corresponde como tal -a crítica, a fiscalización ao goberno local...-, mais tamén temos plena disposición a garantir a gobernabilidade do Concello”. “Se o Goberno Local cumpre os compromisos aos que chegou no seu momento co BNG, se ten vontade de dialogar e de cumprir o acordado, tamén temos a disposición de contribuír a que as cousas saian adiante e con esa disposición afrontamos este novo curso político”, engade.

Canto aos orzamentos 2026, Jorquera remarca: “A pelota está no tellado do PSOE”. Nese sentido, o portavoz nacionalista lembra que se o BNG non negociou os orzamentos de 2025 foi por observar que o Goberno de Inés Rey incumprira sistematicamente os acordos asinados co Bloque -o de investidura e o que deu orixe ao orzamento de 2024-, o que motivou unha lóxica quebra de confianza.

A posición adoptada polo BNG diante dos orzamentos 2025 levou a que se producise unha “certa rectificación” por parte do PSOE (que se viu obrigado a recorrer a unha cuestión de confianza para os aprobar). “Nos últimos tempos deuse impulso a medidas que figuraban no Acordo de Investidura e leváronse a Pleno tamén cuestións que eran froito dunha negociación previa e que levaban consigo a aceptación de propostas nosas, e aí poderíamos falar da ordenanza das vivendas de uso turístico, a ordenanza de mobilidade que está en trámite, a constitución do Consello Económico e Social, as melloras que se incluíron no convenio sobre As Xubias, os primeiros pasos para ser unha realidade o Parque da Agra...”.

Polo tanto: “Se o PSOE continúa nesta liña de rectificación, cumpre os termos do Acordo de Investidura que aínda están pendentes de cumprir e os do acordo sobre os orzamentos 2024, o BNG ten a mellor disposición a negociar co PSOE uns novos orzamentos para 2026”.

“Pero hai unha premisa básica: que se cumpra o que está acordado”, concluíu.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Jorquera, sobre o novo curso político: "Continuaremos a traballar para dotar a cidade da alternativa de goberno que necesita"