Un equipo para impulsar A Coruña, chamado a gobernar a cidade

20230222_110212
Un equipo para lle dar á Coruña o impulso que a cidade precisa. Para A Coruña desenvolver toda a súa potencialidade. Para a enorme forza que ten esta cidade achar no Goberno Local un aliado. Iso é o que presentou esta mañá ante os medios quen lidera ese equipo, o noso candidato á Alcaldía, Francisco Jorquera.
Un equipo para impulsar A Coruña, chamado a gobernar a cidade

 

1.-Francisco Jorquera Caselas

Ferrol, 1961. Coruñés de adopción, cidade na que botou raíces e sente absolutamente como súa. Licenciado en Historia pola USC. Pai dunha filla e dun fillo.

Voceiro do grupo municipal do BNG e candidato á Alcaldía. Iniciou a súa militancia nacionalista aos 17 anos e pertence ao Bloque desde a súa fundación, precisamente na Coruña, en setembro de 1982. Dirixente de ERGA e os CAF nos anos mozos, desenvolveu distintas responsabilidades organizativas e institucionais, a defender con orgullo e dignidade os intereses da Galiza nas Cortes e no Parlamento galego.

Desde 2017 até 2019 foi presidente da Fundación Galiza Sempre.

2.-Avia Veira González

Nada na Coruña en 1986. Criouse en Labañou e reside actualmente en Monte Alto. Estudou filoloxía galega. Após traballar en diversos servizos de normalización lingüística, iniciou a súa andaina como membro do grupo municipal do BNG, a fins de 2012. Responsábel das áreas de Urbanismo, Vivenda, Mobilidade, Cultura e Servizos Sociais. Deportivista. Nai de tres fillos.

3.-Mercedes Queixas Zas

Nada na Coruña en 1968 e veciña do barrio dos Mallos. Licenciada en Filoloxía galega pola UDC, exerce como profesora de lingua e literatura galega desde hai máis de 25 anos. Actualmente o seu destino está no IES da Sardiñeira. Como escritora ten publicado diferentes ensaios, así como obra narrativa e poética.

A súa traxectoria profesional está vinculada, asemade, á sociolingüística, á normalización e á dinamización da lingua galega. É membro do Instituto de Estudos Locais José Cornide, do Consello da Cultura Galega e académica correspondente da RAG. Desde 2020 é deputada pola Coruña no Parlamento galego.

4.-David Soto Díaz

33 anos,  naceu en Caracas, criouse en Monforte e, desde hai xa anos, é coruñés de adopción. Mora en Novo Mesoiro. Profesor de Dereito Público da  Universidade da Coruña.

Destacado activista na defensa das liberdades cívicas e os dereitos humanos, colabora con Esculca, o observatorio galego de dereitos civís e impulsou nos últimos anos, xunto con outras compañeiras e compañeiros, o Colectivo Pedro Galán de formación nacionalista. Alén da súa faceta de profesor, na Universidade é, ademais, representante sindical do PDI pola CIG.

5.-Ignacio Siota Mouzo

29 anos. Medrou na Gaiteira e é graduado en Socioloxía e Ciencias Políticas. Desenvolveu a súa actividade profesional como técnico de recursos humanos en distintos sectores. Actualmente traballa nunha sucursal bancaria. Foi o anterior responsábel Comarcal de Galiza Nova, responsabilidade que el define como “tremendamente gratificante”.

6.- Guadalupe (Lupe) Martínez Junquera

Nada en 1979, Lupe viviu desde moi nova en Eirís, ao cal considera o seu barrio primixenio, aínda que agora vive en Pedralonga. Cursou estudos de Socioloxía e é funcionaria da administración autonómica. Asemade, fai parte da Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña. Lupe, militante do BNG desde 2019, representa esa fornada de compañeiras e compañeiros que se foron incorporando ao Bloque nestes últimos anos con todo o ánimo e a disposición de participar e asumir responsabilidades.

7.-Jorge Castro Ruso

61 anos. Veciño de Monte Alto, aínda que pasa boa parte do día na Sagrada Familia, de cuxa biblioteca municipal é traballador e grande dinamizador. Pertence á directiva da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e está tamén vinculado ao mundo do teatro amador e ao das tecnoloxías da información.

8.-María Xesús Seijo García

Nada en 1963, é veciña de Matogrande. Enfermeira con praza no Centro de Saúde dos Mallos e sindicalista da CIG, é presidenta da Xunta de Persoal da Área Sanitaria da Coruña.

9.-Raimundo (Rai) Martínez Fraga

Nado en 1974. 49 anos. Estudou Dereito. Exerce a dirección comercial e de xestión dunha empresa de artes gráficas no Polígono da Agrela. Moi activo no campo do asociacionismo cultural e no deportivo (e deportivista).

10.-Carlos Varela Souto

60 anos e foi, durante 40, traballador do sector da hostalaría coruñesa onde destacou, sempre, pola súa militancia sindical. Veciño do Barrio das Flores desde hai máis de 50 anos, é dicir, pouco máis ou menos os que ten o barrio.

11.-Celia (Xela) Armas García

Xela naceu en 1974 en Compostela, aínda que leva vivindo xa vai para 20 anos nas Roseiras. Titulada en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa, é profesora de Lingua e Literatura Galega no ensino secundario. Secretaria comarcal da CIG Ensino. Compaxina esta tarefa coa da Secretaría Xeral da Mesa pola Normalización Lingüística.

12.-Manuel Francisco (Manel) Méndez López

Ten 50 anos, mora entre Novo Mesoiro e Monte Alto. Doutorando en Socioloxía na UdC, traballou como orientador laboral, xestor de formación e técnico administrativo e na actualidade fai parte do cadro de persoal de Nós Diario. Vinculado tamén desde moi novo ao movemento veciñal, foi secretario da AVV da Agra do Orzán e, en dous períodos diferentes, presidente da AVV de Novo Mesoiro.

13.-Keina Espiñeira González

Nada en Chantada, ten 40 anos. Veciña da Cidade Vella, Keina representa, como Lupe, esa militancia recén incorporada ao BNG disposta a axudar a lle dar á Coruña o impulso que a nosa cidade precisa. Doutora en Ciencias Políticas e da Administración, traballa como profesora e investigadora no Departamento de Socioloxía e CC da Comunicación da UdC, con liñas de actividade en políticas sociais, migracións e anti-racismo.

14.-Iria Buxán Raposo.

Nada en 1985, é licenciada en Ciencias Políticas e da Administración pola USC, especialista en relacións internacionais e cun mestrado en xestión sustentábel da terra e do territorio. Políglota, ten vivido en multitude de cidades: Braga, Praga, Madrid, Bruxelas, Washington DC..., mais o seu barrio e punto de retorno é, sempre, a Agra do Orzán. Militante de Galiza Nova desde moi nova e tamén do movemento estudantil nacionalista, Iria traballa nestes últimos anos como consultora para diversos organismos internacionais e é, ademais, muller deportista: entre outras disciplinas no fútbol gaélico, nas filas das Fillas de Breogán.

 

 

 

Un equipo para impulsar A Coruña, chamado a gobernar a cidade