Equidade e xustiza fiscal: obxectivo do BNG para as Ordenanzas
A Coruña, 23 de outubro de 2015.- O Grupo Municipal do BNG fixo públicas, esta mañá en rolda de prensa, as súas propostas para as ordenanzas fiscais de 2016. Para o Bloque, é fundamental que as ordenanzas fiscais se axusten aos principios de xustiza e equidade social, ou sexa que respondan ao criterio de que pague máis quen máis ten e que polo tanto os impostos se paguen en función da capacidade económica de cadaquén.
O BNG fai propostas para as ordenanzas fiscais co obxectivo de acadar unha maior xustiza e equidade
Deste xeito, o BNG considera que, de cara a falar da ordenanza núm. 5 reguladora por subministro e utilización da auga, é importante lembrar que, a finais de 2012, o Partido Popular non só aprobou a suba da cota fixa de 1,5 metros cúbicos por hora de 4,07 a 5,76, igualándoa á de 2,5 metros cúbicos por hora, senón que tamén aumentou o recibo da auga no que ten a ver coa taxa por sumidoiros, que se duplicou, ou a taxa polo servizo de depuración, que aumentou un 460%. Tamén lembran as nacionalistas que a partir dese ano comezou a cobrarse 12 euros ás usuarias e aos usuarios por dar de alta o servizo. Así pois, o Bloque da Coruña propón, tal e como levaba no seu programa electoral, a derrogación da suba do recibo da auga, aprobada polo PP en 2013 que supuxo un incremento en máis dun 25%, e polo tanto volver aos valores similares aos que establecía ordenanza anterior a 2013.
As nacionalistas propoñen a derrogación da suba do recibo da auga, aprobada polo PP a finais de 2012, que supuxo un incremento de máis do 25%
No que ten a ver coa taxa por prestación do servizo de recollida e tratamento do lixo e residuos sólidos urbanos, o BNG propón a súa revisión para comezar a pagar verdadeiramente polo servizo e, xa que logo, pagar segundo o grao de tratamento realmente efectivo do lixo.
A respecto do IBI, o Grupo Municipal do Bloque propón unha batería de medidas que pasaría por bonificacións para as familias numerosas entre o 50 e o 90%, segundo a súa situación económica e sempre que se tratar da vivenda habitual; mais tamén unha bonificación de até o 90 por cento no caso daquelas familias numerosas cando algún dos seus membros estea nalgunha das situacións de discapacidade ou incapacidade recollida na lexislación. Na liña de que pagar en función da capacidade económica de cadaquén, as nacionalistas tamén propoñen estabelecer gravames máis elevados no IBI e que os suxeitos pasivos titulares de grande patrimonios paguen máis polos locais e pisos baleiros en desuso. Tamén sinalan as nacionalistas a necesidade de que a Universidade da Coruña estea exenta do pagamento do Imposto de Bens Inmóbeis polos seus edificios.
O Grupo Municipal do BNG propón tamén medidas concretas a respecto do IBI, entre elas a súa exención para os edificios educativos da Universidade
Tamén en relación co IBI, a concelleira nacionalista Avia Veira fixo fincapé en que debe ser o Concello da Coruña quen asuma o pagamento deste imposto naqueles inmóbeis que son da súa titularidade e que ten concedidos en réxime de aluguer, xa que actualmente son as persoas alugadas as que o están afrontando. Lembran, asemade, que está regulado por lei que é o propietario quen debe asumir o pagamento do IBI, a non ser que o inquilino e o propietario chegasen a un acordo, cousa que neste caso non acontece e son as persoas en réxime de aluguer as que están facendo efectivo ese pagamento. Amais, indican desde o Bloque, que a cantidade que tería que pagar o Concello ascendería a uns 40.000 , unha cantidade que absolutamente asumíbel para as arcas municipais.
Para o Bloque, é indiscutíbel que ten que eliminarse a taxa por decomiso, instaurada polo anterior Goberno municipal do Partido Popular, por constituír un imposto á pobreza, xa que é inadmisíbel e inxustificábel que se cobre a persoas que teñen que recorrer á venda na rúa para subsistir, sinalan as nacionalistas.
É indiscutíbel que ten que derrogarse a taxa por decomiso, aprobada polo anterior Goberno municipal, por constituír un imposto á pobreza, sinalou Avia Veira
O Grupo Municipal do BNG tamén demanda, tal e como recolle o seu programa electoral, que se suprima o prezo público para o servizo de celebración de matrimonios civís así como o prezo público das hortas urbanas municipais.
No que se refire ao plan de pago personalizado de impostos municipais, as nacionalistas propoñen unha bonificación do 3% sobre o IVTM (Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica), o IBI, a taxa de prestación do servizo de receollida e tratamento de lixo e RSU e a taxa por entrada de vehículos desde a vía pública a edificios, locais e soares e de reservas de vía pública para aparcamentos, carga e descarga.
Por último, o BNG anuncia que lle achegará todas estas propostas ao Goberno municipal co obxectivo de que sexan incluídas na proposta de ordenanzas fiscais que se leven para a súa aprobación inicial en Pleno.