Emendas aos orzamentos do Estado para os incrementar en 304 millóns na cidade e comarca

Rolda de Prensa BNG emendas locais e comarcais aos orzamentos do Estado para 2021. Francisco Jorquera, Tono Chouciño, Xurxo Couto, Néstor Rego, Avia Veira e Daniel Carballada. 
Jorquera, Chouciño, Couto, Rego, Veira e Carballada
As emendas parciais que o BNG apresenta aos orzamentos xerais do Estado contemplan un incremento global dos investimentos na cidade e na comarca da Coruña por un valor de 304 millóns de euros, informaron esta mañá en conferencia de imprensa Néstor Rego, Francisco Jorquera e Avia Veira–voceiros do BNG no Congreso e en María Pita e concelleira nacionalista, respectivamente. Ao acto informativo asistiron os portavoces dos grupos municipais do BNG en Culleredo, Tono Chouciño; Cambre, Daniel Carballada; e Arteixo, Xurxo Couto.
Emendas aos orzamentos do Estado para os incrementar en 304 millóns na cidade e comarca

O BNG formulou unha emenda á totalidade aos orzamentos, mais aspira agora, no trámite das correccións parciais, a melloralos substancialmente no que atinxe ao noso país en xeral e á nosa cidade e comarca en particular.

“Somos a única forza política que ten a liberdade de condicionar o noso voto a que se satisfagan demandas elementais da cidade e da comarca”, dixo Francisco Jorquera, en tanto que Néstor Rego contestou as críticas que se teñen vertido desde a esquerda estatal ao BNG por formular unha crítica global ás contas: “A pregunta non é por que o BNG presentou unha emenda á totalidade aos orzamentos, a pregunta é por que as organizacións galegas de PSOE e Podemos apoian unhas contas que contemplan 100 millóns de euros menos para Galiza do que o último presuposto aprobado polo PP no Estado, o de Cristóbal Montoro”.

Rego explicou que no seu estado actual os orzamentos son inaceptábeis para Galiza porque os investimentos decrecen 11% cando, por contra, aumentan 20% no conxunto do Estado e cando singularmente as partidas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana crecen en máis de 50 por cento.

eb6630cd-97cb-454e-9aa3-d2947db29a3f

Son orzamentos expansivos en todo o Estado menos na Galiza, enfatizou. E puxo como exemplo que se van destinar “centenas de millóns” ás cercanías ferroviarias cando na Galiza estes servizos “sinxelamente non existen nin se dota as contas de partidas para que se vaian establecendo”.

EMENDAS COMARCAIS

Correspondeulle a Avia Veira a pormenorización das emendas referidas á comarca da Coruña, isto é, aos concellos de Arteixo, Cambre, Carral, Cerceda, Culleredo, Oleiros e Sada. Visan fundamentalmente atender a protección do medio ambiente, o impulso da economía produtiva, a modernización da mobilidade e a vertebración do territorio.

Así, entre outras emendas, o BNG demanda 1,3 millóns para compensar economicamente, por cesamento de actividade, as mariscadoras da Ría do Burgo durante o período en que se prolonguen as obras de dragaxe; 900 mil euros para a rexeneración do litoral, con obras nos areais e espazos costeiros de Oleiros e na ribeira portuaria e marítima de Sada; e 10,8 millóns de euros para comezar a dotar a comarca dun servizo de cercanías ferroviario.  A este último respecto, Veira resaltou que A Coruña-Ferrol é a maior área urbana da Península Ibérica que carece dun servizo de proximidade por ferrocarril. A actual infraestrutura, aínda que presenta moitas carencias, podería empregarse desde xa, só coa posta en marcha dos servizos, dos horarios e das frecuencias axeitadas. Nesa dirección faría falta a restitución dos apeadeiros da Barcala, Fonteculler e Boedo.

fb3708ec-b015-4526-8919-f955adf144e4

As conexións ferroviarias A Coruña-Ferrol (cunha partida de 10 millóns de euros) e A Coruña-Lugo precisan tamén de atención por parte do Estado, como tamén o mantemento e urbanización das estradas que conectan a nosa cidade coa área urbana e os concellos da comarca entre si. Por tanto, o BNG demanda 16,8 millóns de euros para mellorar a Nacional VI, a A6, A AP9 ou a N550 (a diferentes alturas como en Altamira, Sigrás, a pasarela peonil do Graxal, ben como a integración urbana da AP9 en Culleredo).

Do mesmo xeito, a formación nacionalista demanda a habilitación dunha partida de 12 millóns de euros para o soterramento do tránsito rodado e a humanización da N-VI na súa pasaxe polos concellos de Oleiros e Cambre.

EMENDAS DA CIDADE

Por súa parte, Jorquera esmiuzou aquelas achegas referidas singularmente á Coruña cidade. Son once:

1.-200 millóns para a transformación dos terreos do porto interior da Coruña, cantidade equivalente ao débito contraído pola Autoridade Portuaria para a construción da dársena exterior.

2.-20 millóns para o acceso ferroviario ao porto exterior de Punta Langosteira.

3.-1 millón de euros para a reforma e mellora da Avenida da Vedra.

4.-800 mil euros para a pasarela de Pedralonga.

5.-200 mil euros para a reforma da Ponte da Pasaxe.

6.-100 mil euros para os estudos previos para a realización da Cuarta Ronda.

7.-300 mil euros para a rehabilitación da contorna do Observatorio Meteorolóxico.

8.-1.350.000 euros para a realización de obras no Centro Oceanográfico.

9.-5 millóns de euros para a Cidade das TIC.

10.-2 millóns de euros para o mantemento e a rehabilitación do antigo cárcere provincial.

11.-450 mil euros para a programación lírica da Coruña.

NOTAS POSITIVAS

Pese a seren globalmente negativos, os orzamentos 2021 conteñen dúas boas noticias para a nosa comarca, subliñou Néstor Rego. A primeira, a dotación de 20 millóns de euros para a dragaxe da Ría do Burgo, unha demanda longamente sostida no tempo polas mariscadoras e o movemento ambientalista. A segunda, a inclusión dunha partida de 55 millóns para bonificar as portaxes na AP-9. Ambas son en parte produto “da insistencia do BNG” e singularmente a referida á autoestrada fixo parte do acordo de investidura entre o Bloque e o grupo parlamentario socialista que dá soporte ao Goberno de Pedro Sánchez.

 

Emendas aos orzamentos do Estado para os incrementar en 304 millóns na cidade e comarca