A PRINCIPAL CARENCIA, A FALTA DUNHA CUBERTA NO SEU PATIO EXTERIOR
Queixas e Veira visitan o CEIP Alborada da man da ANPA
A principal carencia que ten este centro, segundo lle explicaron as nais a Queixas e Veiras, é a falta dunha cuberta no patio exterior. A ausencia desta infraestrutura obriga as crianzas –no CEIP Alborada están escolarizadas por volta de 430- a pasaren os recreos nun patio interior no soto do edificio, un espazo moi exiguo e separado do exterior por un enreixado.
Queixas comprometeuse a presentar unha iniciativa no Parlamento galego a este respecto. “A Xunta é a administración competente cando falamos de obras maiores e ten que termar do estado das infraestruturas. Non pode ser que as alumnas e os alumnos, se chove, non teñan un lugar adecuado para o seu lecer”, díxolles ás nais.
O centro apresenta outras deficiencias, como o estado da instalación eléctrica, polo que se interesará no Concello Avia Veira. Está tan obsoleta que colapsa cando se acenden un certo número de computadores á vez. As nais referiron aínda que non hai conexión á rede en todos os locais da escola.