IMPULSO DO BNG Á NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
Emalcsa vai utilizar a partir de agora a marca comercial "Augas da Coruña"
“Hai xa ben tempo que solicitamos formalmente que Emalcsa adoptase a súa denominación en galego e, por tanto, retirase da súa razón social a forma deturpada do topónimo da cidade para asumir a forma galega, a única lexítima e legal. Celebramos que o noso impulso a prol da normalización lingüística comece a dar froitos tamén na empresa de augas da Coruña”, di Francisco Jorquera.
Emalcsa reuniu este martes o seu Consello de Administración e no capítulo de varios informouse aos grupos municipais sobre esta decisión da empresa.
“Congratulámonos de que o noso impulso a prol da normalización lingüística comece a dar froitos tamén na empresa de augas da Coruña”
“Este é un paso adiante que valoramos e que por suposto debe completarse coa mudanza da razón social para respectarmos a legalidade lingüística. É unha cuestión de xustiza elemental e de dignidade”, di Jorquera.
“Tal e como fixemos ao impulsarmos a Ordenanza do Galego, continuaremos a defender no Concello medidas que na práctica vaian tornando normal o uso da nosa lingua en todos os ámbitos da nosa cidade”, conclúe.