O BNG celebra que se reinicien os traballos do novo Presco, mais á vez lamenta a lentitude na súa tramitación
“Celebramos que se reiniciasen os traballos con vistas á elaboración do Presco 2021, mais ao tempo temos de lamentar o preocupante retraso na súa tramitación”, dixo Francisco Jorquera, portavoz do BNG en María Pita.
A última reunión da Comisión foi o pasado 25 de febreiro, cando o portavoz do Goberno Local, José Manuel Lage, lle entregou aos grupos un rascuño do que podería ser o novo Presco. Un borrador moi impreciso que carecía de datos tan básicos como os remanentes orzamentarios dos que dispuña o Concello ou o grao de execución do Presco 2020.
Non sería até o 18 de marzo cando coñecemos o dato dos remanentes, uns 3,6 millóns de euros.
Esa cantidade xulgámola no seu momento como insuficiente e volvímola xulgar hoxe como tal, de aí que o noso portavoz Francisco Jorquera defendese na Comisión a reasignación de partidas orzamentarias e a subscrición dun préstamo para o Presco 2021 contar cun financiamento adecuado.
Na reunión desta mañá, o BNG constatou ter sido a única forza política en entregar as súas propostas en tempo e forma ao resto de grupos municipais e á Concellaría de Facenda. En concreto, foi o 19 de marzo.
“Temos plena vontade de chegarmos a un acordo que se traduza nun modificativo de crédito e que permita tamén irmos a unha segunda fase dos convenios coas entidades sociais, culturais, deportivas, etc, da cidade”, dixo Jorquera.
A Comisión vaise volver reunir o próximo venres.