MOBILIDADE

Dous anos de mobilidade inmóbil na Coruña

Momento da rolda de prensa na que a nosa compañeira Avia Veira denunciaba a falta de políticas de mobilidade do Goberno municipal
Momento da rolda de prensa na que a nosa compañeira Avia Veira denunciaba a falta de políticas de mobilidade do Goberno municipal

0 metros de carril bus, 0 metros de carril bici, 0 liñas de autobús renovadas, 0 prazas en aparcamentos disuasorios, os mesmos coches na Cidade Vella e a concesión á  Compañía de Tranvías prorrogada: ese é o balance en materia de mobilidade logo de 2 anos de Goberno municipal da Marea Atlántica

Vimos de sinalar, esta mañá en rolda de prensa, que a única mobilidade promovida polo Goberno local foi a dos seus membros polo Estado español e polo mundo mais ningunha medida en materia de transporte e de espazo público que beneficie ao conxunto das coruñesas e dos coruñeses

Para nós, as medidas en materia de mobilidade deberían ser prioritarias e polos efectos que podería ter sobre a cidade: na vida da xente, que podería moverse con máis facilidade e en menos tempo mais tamén sobre a súa saúde, sobre o medio ambiente e sobre o comercio

Dous anos de mobilidade inmóbil na Coruña

Esta mañá fixemos balance, en rolda de prensa, das accións organizadas polo Concello da Coruña co gallo da Semana Europea Mobilidade e balance tamén das políticas de Mobilidade impulsadas polo Goberno local.

En primeiro lugar, a nosa portavoz, Avia Veira, considerou que durante a Semana Europea da Mobilidade o Goberno local non puxo enriba da mesa ningunha proposta política para solucionar os problemas de tráfico e de transporte da cidade: un dos principais problemas da cidade, segundo sinalou a edil. O que si tivemos, continuou Avia, foron bicicletas con flores esparexidas polo centro e un carril cortado na zona do Obelisco mentres Santa Catalina está cortada por obras.

A nosa voceira no Concello da Coruña debullou o programa electoral da Marea Atlántica en materia de Mobilidade e comprobou que o Executivo Local non cumpriu ningunha das propostas recollidas nestes dous anos.

Así, sinalou que non se reordenou o mapa de rutas do autobús nin se puxo en marcha carril bus, nin se instalaron paradas intercambiador entre urbano/interurbano. Tampouco se fiscalizou a concesión da Compañía de Tranvías: mais ao contrario declarouse a fin da concesión para a continuación concederlle unha prórroga e agora sabemos que o Goberno local ten pensado volver a concederlle a unha empresa privada a xestión do transporte colectivo de viaxeiras/os. Tampouco se implementaron novas tarifas nin a tarifa plana anticipada.

Por outra banda, tampouco se construíu no que vai de mandato os carrís bici sinalados no programa electoral nin tampouco se ten deseñado nin implantado unha rede de aparcadoiros disuasorios públicos e gratuítos conectados co transporte público urbano e interurbano. Por non falar xa da prometida remunicipalización da ORA que non tivo lugar. 

“0 metros de carril bus, 0 metros de carril bici, 0 liñas de autobús renovadas, 0 prazas en aparcamentos disuasorios, os mesmos coches na Cidade Vella e a concesión á  Compañía de Tranvías prorrogada: ese é o balance en materia de mobilidade logo de 2 anos de Goberno municipal da Marea Atlántica”, denunciaba Avia.

Por último, cremos que a Mobilidade debería ser unha prioridade de Goberno da Marea Atlántica porque se trata dunha competencia exclusiva dos concellos, mais tamén polos efectos transformadores que ten sobre a cidade: na vida da xente, que podería moverse con máis facilidade e en menos tempo mais tamén sobre a súa saúde, sobre o medio ambiente e sobre o comercio.

Non abonda con anunciar que o 2017 sería o ano da mobilidade como fixo o alcalde cando presentou os orzamentos. Cremos que A Coruña ten que ter as súas propias solucións para a mobilidade, cremos que é posíbel facelo mais hai que comezar por tomar decisións como o fixeron no seu día os gobernos do BNG en Allariz e Pontevedra, por exemplo.

 

A Coruña, 25 de setembro de 2017.

Dous anos de mobilidade inmóbil na Coruña