O BNG TRASLADA AO PLENO UNHA INICIATIVA SOCIAL DE RECUPERACIÓN DO BEN ESPOLIADO POLO DITADOR

Diante da Casa Cornide: "que se nos devolva o roubado" e solidariedade coas activistas denunciadas polos Franco

Comparecencia diante da Casa Cornide do BNG e dos '9 da Casa Cornide'.
O lema “Que nos devolvan o roubado” aínda está por se cumprir, por se tornar realidade, na cidade da Coruña. E é que inda está por se recuperar para o patrimonio público a Casa Cornide, unha xoia do barroco galego espoliada pola familia Franco nos anos 60 do pasado século coa colaboración necesaria das elites franquistas locais, desde os alcaldes Alfonso Molina e Sergio Peñamaría de Llano até o oligarca Pedro Barrié de la Maza.
Diante da Casa Cornide: "que se nos devolva o roubado" e solidariedade coas activistas denunciadas polos Franco

E, por tanto, que se cumpra de vez o lema é o propósito que levou o BNG a realizar este luns unha comparecencia diante da Casa Cornide para anunciar a presentación dunha iniciativa que será defendida no Pleno do vindeiro xoves polo voceiro nacionalista en María Pita, Francisco Jorquera. O portavoz do Bloque testemuñou tamén a solidariedade da formación soberanista co colectivo ‘9 da Casa Cornide’. Este grupo de activistas van ser xulgados o 14 de outubro após teren sido denunciados pola familia Franco polo simples feito de despregaren unha faixa, unha pancarta, sobre o balcón dun edificio que en tempos foi a sede do Concello da Coruña. O texto nela inscrito: “Que nos devolvan o roubado. Franquismo Nunca Máis”.

A iniciativa anunciada polo portavoz do BNG é unha moción que parte do impulso da Comisión Aberta de Defensa do Común, as asociacións veciñais Cidade Vella, Oza-Gaiteira-Os Castros, Atochas-Monte Alto, Castrillón-Urbanización Castro, as forzas políticas Bloque Nacionalista Galego, Galiza Nova, Partido Comunista de Galicia, Esquerda Unida, Marea Atlántica, o sindicato CIG, as asociacións culturais Alexandre Bóveda e O Facho e o Centro Social Gomes Gaioso, ben como tamén o Proxecto Cárcere.

Ao encontro cos medios asistiron varias das persoas integrantes das ‘9 de Cornide’ e nel tomou a palabra a súa portavoz, Elvira Branco, canda a deputada no Parlamento galego, Mercedes Queixas, e o propio Jorquera.

Foi Mercedes Queixas quen presentou o acto e, nunha breve intervención, avanzou que o BNG levará o asunto ao Parlamento galego. “Faremos forza para se axilice canto antes a declaración da Casa Cornide como Ben de Interese Cultural”, para que “canto antes conte co nível de protección necesario que asegure a súa protección e se repoña a súa disponibilidade para a cidade da Coruña, as coruñesas e os coruñeses”.

Mercedes Queixas: “Faremos forza para se axilice canto antes a declaración da Casa Cornide como Ben de Interese Cultural"

“Que delito cometeron as 9 da Casa Cornide?”, comezou por se preguntar, por súa parte, Francisco Jorquera. “Pois despregar unha faixa no balcón deste edificio. Os demandantes son a familia Franco. É dicir, os espoliadores. O mundo ao revés. Os ladróns pretendendo erixirse en vítimas dos que denuncian o roubado”.

É por iso, avanzou, que o BNG vai desenvolver unha campaña de apoio aos integrantes do colectivo ‘9 de Cornide’ que culminará o propio 14 de outubro, o día do xuízo, “cunha concentración diante do xulgado”. “E teño que dicirvos”, participoulles Jorquera aos medios, “que non nos van amedrentar: se hoxe hai unha sentenza sobre o Pazo de Meirás que declara que a compravenda foi unha simulación e que o inmóbel ten que volver ao patrimonio público, foi grazas á loita do pobo galego”. “E a loita dos activistas como os aquí presentes vai permitir que a Casa Cornide volva ao seu lexítimo dono, que non é outro que o pobo da Coruña”, salientou.

Ten habido, subliñou Jorquera, varias mocións do Concello da Coruña en favor da recuperación da Casa Cornide, todas elas a iniciativa do BNG. A última, a aprobada en setembro de 2019, no primeiro Pleno deste mandato. “Nesa iniciativa instabamos o Concello a iniciar os trámites para interpor unha demanda co fin de devolver a titularidade do inmóbel á cidade da Coruña”, relatou o voceiro nacionalista.

Francisco Jorquera: "A loita dos activistas como os aquí presentes vai permitir que a Casa Cornide volva ao seu lexítimo dono, que non é outro que o pobo da Coruña"

Pero hai máis: este mesmo xoves, o BNG dá traslado ao Pleno a unha nova moción, desta vez promovida pola asociación cívica Defensa do Común “e tamén por distintas forzas políticas, entidades veciñais e organizacións sociais” co obxectivo de que a Casa Cornide se declare BIC e se executen accións xudiciais para garantir o retorno do edificio ao patrimonio público. “Urxe facelo canto antes. Sabemos que os Franco queren blindar o saqueo. Puxeron en venda a Casa Cornide en pleno xuízo do Pazo Meirás para perpetuar este saqueo. Pero non o van conseguir. Non imos parar até que se cumpra o lema da faixa que as activistas penduraron no balcón desta casa, ‘Que nos devolvan o roubado. Franquismo Nunca Máis”.

Por súa parte, Elvira Branco afirmou sentir o apoio da inmensa maioría da sociedade galega. “Nin nós nin case ninguén entende como denuncias interpostas polos Franco por actos simbólicos se podan abrir paso e sexan compatíbeis no tempo con que o Goberno do Estado lle renove o ducado de Franco á neta do ditador ou que hoxe mesmo se publique no BOE a renovación do ducado de Primo de Rivera”.

“Estas denuncias sobre nós e sobre as 19 persoas do Pazo de Meirás resultan especialmente lacerantes para todas as vítimas do franquismo. A nosa loita é unha loita pola memoria democrática”, subliñou.

Elvira Branco: "Estas denuncias sobre nós e sobre as 19 persoas do Pazo de Meirás resultan especialmente lacerantes para todas as vítimas do franquismo".

“Nós estamos moi orgullosos do que fixemos e non lle temos medo á familia Franco por moitas denuncias que nos poñan”, concluíu non sen deixar de chamar á participación “na concentración que se vai realizar o día 14 de outubro diante do xulgado”.

Diante da Casa Cornide: "que se nos devolva o roubado" e solidariedade coas activistas denunciadas polos Franco