UNHA INICIATIVA DE MERCEDES QUEIXAS PARA O PLENO DO 9 DE NOVEMBRO
No Día das Bibliotecas, manifestamos o noso orgullo pola rede coruñesa e pómoslle deberes ao Goberno Local
A concelleira nacionalista alerta de que o contrato daquelas que están externalizadas conclúe o próximo 31 de outubro, o que engade incerteza a unha situación marcada pola “precariedade e a vulnerabilidade” á que se teñen visto sometidas as e os traballadoras destas bibliotecas.
“Desde o BNG queremos manifestar o noso orgullo polo labor que desenvolve a Rede de Bibliotecas Públicas. Un proxecto que foi pioneiro no seu nacemento e que se converteu nun referente de alta calidade na mediación lectora”, afirma Queixas.
Porén, nos últimos anos, xulga, os sucesivos gobernos locais non estiveron á altura das necesidades desa rede e por tanto “o proxecto foi esmorecendo, ao tempo que se tornaron máis precarias e incertas as condicións laborais e salariais das e dos traballadores”.
Nos últimos anos, os sucesivos gobernos locais non estiveron á altura das necesidades da rede de bibliotecas e o proxecto "foi esmorecendo"
Esta situación pode volverse dar a partir do próximo 31 de outubro, advirte Queixas, quen con tal motivo rexistrou unha pregunta oral para o Pleno do vindeiro 9 de novembro co seguinte texto: “É consciente o Goberno Local de que o contrato para a prestación de servizos na Rede de Bibliotecas Municipais vai rematar o próximo 31 de outubro?”.
Así as cousas, o BNG empraza o Executivo coruñés a que se mova e a que - alén de avanzar no estudo da unificación da rede, tal e como xa se comprometeu coa formación nacionalista no pasado mandato- “constitúa a Comisión Especial de Bibliotecas que se creou hai un ano e que aínda non comezou os seus traballos”.